En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Visita ao Castrillón (Larouco), guiada polos participantes no campo de voluntariado

Publicidade

Numerosa asistencia na visita guiada que se organizaba ao Castrillón de Larouco no marco do campo de voluntariado (promovido polo Concello e coordinado pola Sociedade Cooperativa Xeitura) que se está a desenvolver neste xacemento dende primeiros de mes e que concluirá o vindeiro martes 13 de xullo.

Eran os mozos e mozas participantes neste campo, de temática arqueolóxica e medioambiental, os que se convertían en guías neste interesante percorrido no que os visitantes, ademais de descubrir as pecularidades deste poboado fortificado da Idade do Ferro, tamén coñecían o labor que estes xoves están a desenvolver durante estes días no xacemento.

“O noso traballo centrouse en tres eidos: o medioambiental, na axuda aos arqueólogos e na comunicación, facendo recolleita de lendas relacionadas co Castrillón, pero tamén divulgando, para poñer en valor este lugar”, explicaba unha das voluntarias, xusto antes de iniciar a visita, na que tamén podían verse as casas-niño elaboradas por eles mesmos.

“Fabricáronas os voluntarios e estivémolas pendurando das árbores nestes días para dar apoio á nidificación, sobre todo de ferreiriños, que tamén poden axudar a controlar as pragas, por exemplo, de procesionaria, que é un problema asociado ás zonas de piñeiro”, sinala Raúl Fernández, técnico en medio ambiente de Xeitura e coordinador do campo.

 

Voluntarios xunto á arqueóloga e ao técnico en medio ambiente do campo de voluntariado do Castrillón.

 

Despois, os visitantes coñecían detalles do conxunto defensivo do castro, como o sistema de fosos e parapetos, e as pedras fincadas, seguindo a cada paso as indicacións dos voluntarios. Logo visitábase a zona da cata, onde se atopaban restos dun muro, “pero aínda non podemos confirmar se é unha vivenda ou o outra cousa, aínda nos queda moito traballo por facer”, conta a arqueóloga Ángeles Cuello.

O traxecto finalizaba na parte alta do xacemento, na cabana escavada na rocha que se descubría durante a intervención arqueolóxica realizada o pasado outono. Novamente os voluntarios explicaban as características deste espazo, así como material atopado na escavación, como restos de cerámica e carbón.

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, agradecía durante o percorrido polo castro a asistencia a esta visita guiada e destacaba a importancia de que a propia veciñanza valorase a importancia deste lugar. Tamén facía un balance moi positivo do desenvolvemento deste campo de voluntariado, o primeiro que se desenvolve en Valdeorras. “Estamos moi contentos co campo e co grupo porque a xente está moi implicada, ningún deles tiña que ver coa arqueoloxía: hai unha enxeñeira aeroespacial, unha médico, un biólogo, unha filóloga, un mecánico…”, destacaba.

 

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela.

 

De maneira tamén moi positiva se valora este campo dende Xeitura. “É un grupo moi participativo, compórtanse xenial, e tamén nos sorprendeu que ninguén é da rama arqueolóxica. Son xente procedente de Xaén, Sevilla, Zaragoza, Soria, e Galicia”, engade Raúl Fernández.

Ademais do traballo no xacemento, estes mozos realizaban visitas a lugares de interese de Valdeorras, como foi o caso do castelo e do santuario das Ermitas (O Bolo), e tamén do entorno, como Viana do Bolo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button