EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Visita ao sector da lousa da directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

 

Ata Valdeorras se desprazaba neste martes 23 de febreiro a nova directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, para realizar a súa primeira visita ao sector da lousa dende que tomou posesión deste cargo para coñecer de primeira mano o sector e as súas inquietudes e demandas.

Achegábase ata a sede do Centro Tecnolóxico da Lousa en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) para manter unha reunión con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia, acompañada pola subdirectora xeral de Recursos Minerais, polo xefe territorial de Economía e Industria, así como pola alcaldesa de Carballeda.

Paula Uría agradecía o “recibimento e a boa acollida nesta terra e no sector” e amosábase “encantada de poder visitar esta comarca, as súas empresas, e de poñer en valor todo o traballo que se está facendo dende o sector da lousa”. Tamén aludía ás apostas das empresas “na mellora da innovación tecnolóxica de todos os equipamentos de cara á mellora ambiental que se poida obter no proceso produtivo”, ademais de no “apoio á seguridade e saúde dos traballadores”. Algo, dicía a directora xeral, polo que tamén está apostando de maneira clara a Xunta.

Nese senso, a directora xeral comentaba que a administración galega vén de convocar unha nova liña de axudas para que as empresas poidan desenvolver melloras tecnolóxicas nos procedementos da lousa, pero “nelas tamén queremos facer fincapé nas actuacións que reduzan o po de sílice, o ruído… que se favorezan as condicións laborais dos traballadores. Esperamos que esta convocatoria sexa tan ben acollida como a do 2020, na que houbo 49 iniciativas presentadas, e que poida facilitar que a vangarda das melloras tecnolóxicas sexan unha realidade”.

 

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pola súa banda, o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, poñía en valor esta visita, indicando que con ela se “evidencia o peso e a relevancia que o goberno que encabeza Alberto Núñez Feijóo concede ao sector da lousa” e apuntando que nela poderá “coñecer de primeira man as demandas e sensibilidades do noso sector e da nosa actividade, entre os que destaca o noso compromiso coa sostibilidade, coa seguridade e hixiene no traballo e, por suposto, coa sociedade e, sobre todo co entorno máis inmediato”.

Así mesmo, a directora xeral poderá coñecer “como se produce todo o desenvolvemento do proceso de extracción e elaboración da lousa e, por iso, programamos a visita a nave de Castrelos e despois á mina de Cafersa, poderá contrastar os investimentos que está a desenvolver o sector co incondicional apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación co fin de diminuír os índices de po nas fábricas e mellorar as condicións laborais dos nosos traballadores”, explicaba Víctor Cobo.

 

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia tamén resaltaba o peso económico do sector da lousa e a súa vocación exportadora, tendo en conta ademais que está implantado no medio rural. “Somos un dos motores económicos de Galicia e, sobre todo, das comarcas produtoras, ao xerar emprego nas zonas rurais”.

Finalmente, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Carmen González, agredecía a visita e destacaba o esforzo realizado polo sector especialmente no momento actual de pandemia, “tomando medidas para combater o Covid-19”. Ao mesmo tempo, pedía apoio da administración galega en materia de infraestruturas no seu concello, xa que as estradas son tamén determinantes no desenvolvemento da actividade das empresas que están asentadas na zona.

Despois da xuntanza, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturiais tiña previsto visitar as instalacións da nave de elaboración de Castrelos en Casaio e, xa pola tarde, a mina de Cafersa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button