EconomíaEconomíaÚltima hora

Visita do conselleiro do Medio Rural, José González, a unha explotación de vacún de carne en Cambela (O Bolo)

Acompañado polo alcalde do municipio, Manuel Corzo, tamén visitou a localidade das Ermitas

 

Un momento da visita á explotación de vacún de carne en Cambela.

 

Na visita que realizaba a Valdeorras na mañá do 10 de decembro, o conselleiro do Medio Rural José González achegábase ata o municipio de O Bolo para coñecer a explotación de vacún de carne que Germán Domínguez ten en Cambela.

Esta explotación conta actualmente cun censo de arredor de 80 cabezas e dispón dunha superficie de 38 hectáreas, todas elas de cultivos forraxeiros (a maior parte corresponden a pastos permanentes). Alí, acompañado, entre outros, polo alcalde do concello Manuel Corzo, González destacou a importancia do sector cárnico galego, que “sitúa á nosa comunidade como o segundo territorio nacional en número de cabezas de gando bovino e o terceiro por reses sacrificadas”, dixo. Neste sentido, puxo en valor que Galicia acumule arredor do 14% do censo nacional, segundo os últimos datos oficiais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

 

O conselleiro do Medio Rural e o alcalde de O Bolo, nas Ermitas.

 

Ademais, o responsable da carteira do Medio Rural salientou o lugar destacado da comunidade no que atinxe á carne de vacún producida baixo o amparo de denominacións de calidade, como son Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia. Lembrou, nesta liña, que “a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega aglutina máis da metade do total nacional amparado por este tipo de selos de calidade”. Precisamente o conselleiro situou a calidade como unha das liñas estratéxicas do traballo do seu departamento e lembrou que Galicia conta con ata 35 producións amparadas por esta clase de indicativos, que distinguen a excelencia das nosas producións agroalimentarias.

Manuel Corzo e José González tamén visitaron o entorno do Santuario das Ermitas, no mesmo concello.

Artigos relacionados

Back to top button