OurenseÚltima hora

Visita do delegado da Xunta ao albergue da Fábrica de Luz de Parada de Sil

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Parada do Sil, Aquilino Domínguez, o albergue A Fábrica da Luz, unha instalación moderna nun edificio emblemático como é antiga central hidroeléctrica, unha das primeiras de Galicia.

O delegado territorial destacou a importancia de desenvolver este tipo de estadías nas que os participantes gozan dunha programación de lecer educativo e tempo libre de primeiro nivel e nas que ao mesmo tempo, crecen persoalmente e coñecen a mozas de toda a comunidade autónoma.
Gabriel Alén subliñou que durante o ano pasado Galicia foi das poucas Comunidades que mantivo a campaña de verán e logrou que se desenvolvera sen incidentes xa que non se rexistrou ningún caso positivo. “Isto levounos a incrementar a oferta de prazas durante este ano en máis de 1000, ata chegar a un total de 7.800 prazas” entre os campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, resaltou.

Baixo o lema “O verán que mereces”, a programación estival deseñada pola Xunta de Galicia ofrecerá desde xullo e ata setembro unha oferta de ocio seguro, na que se manterán as medidas de protección aplicadas durante a pasada edición, como a redución do aforo, o incremento do número de monitores, o reforzo das medidas de desinfección e limpeza ou a adaptación das actividades ás normas hixiénico-sanitarias. Ademais, este ano incluiranse probas de antíxenos completamente gratuítas para todos os participantes e monitores antes do inicio de cada quenda.

 

 

No campamento da Fábrica da Luz participan un total de 40 mozas e mozos de idades comprendidas entre os 12 e 14 anos, en dúas quendas de 20. Durante unha semana desenvolverán actividades de xeocaching, kaiak, BTT, xincana, orientación, xogos (cooperativos, tradicionais)e obradoiros de reciclaxe, fabricación de marmeladas e danza. O obxectivo é desenvolver as habilidades e destrezas; favorecer a creatividade, as afeccións, os deportes e o coidado da natureza.

Estas instalacións contan con calefacción de chan radiante, taquillas individuais con chave e respectando ao máximo o medio ó máximo coa utilización de pellets e liteiras de madeira ecolóxica. Dispón ademais de espazos exteriores amplos rodeados de bosque autóctono, e aula de audiovisuais, salas de biblioteca e xogos.

Artigos relacionados

Back to top button