Na mañá deste martes 4 de xuño o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaba a comarca de Valdeorras. En concreto eran tres os alcaldes cos que se reunía para falar sobre temas de actualidade municipal.
A primeira hora achegábase ata o Concello da Veiga para falar co alcalde, Juan Anta, e despois tocáballe o turno ao Concello de Rubiá. No consistorio, o delegado explicou que o motivo da súa visita era “manter unha reunión de traballo cos alcaldes para que nos trasladen as súas peticións”, dixo, asegurando que dende a Xunta hai moi boa disposición con todos os Concellos. “Hai moi boa relación de cooperación institucional, un elemento clave para traballar en beneficio dos veciños”.

Pola súa banda, o alcalde de Rubiá Elías Rodríguez adiantaba que basicamente será un intercambio de informacións e “falar tamén de temas que quedaran pendentes o ano pasado a ver se podemos sacar algunha adiante”.
A terceira visita do día será a Carballeda de Valdeorras para reunirse coa alcaldesa María Carmen González Quintela.
Fotos: Mónica G. Bellver.



