ConcellosÚltima horaVilamartín

Visita do subdelegado do Goberno en Ourense a Vilamartín de Valdeorras

Abordaba co alcalde investimentos neste municipio relativos á eficiencia enerxética, dixitalización e loita contra a violencia de xénero

O subdelegado do Goberno en Ourense na visita realizada este venres a Vilamartín./ Cedida.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou hoxe o impulso do Executivo central á rehabilitación enerxética de edificios en municipios de reto demográfico a través das axudas contempladas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Así o sinalaba durante a reunión que mantivo co alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, e con varios concelleiros na que destacou que este é un dos concellos ourensáns que se pode beneficiar deste programa, financiado polo Goberno a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O Programa PREE 5000 de Rehabilitación Enerxética de Edificios está dirixido a concellos de pequeno tamaño e conta nesta convocatoria cun orzamento de 3,8 millóns de euros para Galicia. Entre os seus destinatarios finais están as persoas físicas ou xurídicas de natureza privada ou pública propietarias de edificios destinados a calquera uso en concellos de menos de 5.000 habitantes ou de menos de 20.000 se ningún dos seus núcleos de poboación supera os 5.000. Emilio González destacaba que o obxectivo do Goberno con este programa é dar un impulso á sostibilidade da edificación nestes municipios e núcleos, mediante actuacións que van desde cambios na envolvente térmica ata a substitución de instalacións de xeración térmica con combustibles de orixe fósil por xeración térmica baseada en fontes renovables, así como a mellora na eficiencia enerxética na iluminación.

A meta, indicaba Emilio González, é conseguir unha redución do 30 % do consumo de enerxía primaria non renovable dos inmobles e, ademais, mellorar a súa cualificación enerxética. As achegas deste programa son xestionadas pola Xunta de Galicia e o prazo para solicitalas xa está aberto ata setembro.

Así mesmo, o subdelegado sinalou que entre 2021 e 2022 o Goberno de España impulsará a transformación dos barrios das cidades e vilas de Galicia con 230 millóns de euros do Plan de Recuperación. Estes fondos, xa comprometidos para a Comunidade Autónoma galega a través dos programas que xestiona o Ministerio de Transportes,Mobilidade e Axenda Urbana, permitirán financiar máis de 3.000 actuacións nos fogares galegos e construír 1.100 vivendas de alugueiro social.

O Plan de Recuperación representa “unha extraordinaria oportunidade que sería unha irresponsabilidade desaproveitar. Toca xestionar de verdade estes fondos para que cheguen aos fogares e se executen na súa totalidade”, insistía Emilio González, ao tempo que manifestaba que espera da Xunta de Galicia “unha xestión eficaz, á altura dun tema tan sensible como o da vivenda”.

Investimentos do Goberno en Vilamartín de Valdeorras

No encontro, o subdelegado do Goberno e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras tamén repasaron os investimentos do Goberno central no concello no tocante á eficiencia enerxética, dixitalización e loita contra a violencia de xénero. En concreto, abordaron a axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de 144.216,48 euros para un proxecto de reforma parcial do alumeado público do municipio, co que se consegue un aforro considerable nos gastos eléctricos que o Concello pode destinar a financiar outros servizos públicos.

Asímesmo, o subdelegado do Goberno explicou que este concello tamén conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste caso, a través do Plan UNICO-Banda Ancha nove zonas brancas do concello beneficiaranse da instalación da banda anchae mellorarán a súa conectividade a Internet. “O obxectivo do Goberno é alcanzar o 100% de cobertura de banda ancha de alta velocidade en Galicia antes de 2025”, apuntaba Emilio González.

Na xuntanza tamén se analizaba os fondos que percibirá este concello valdeorrés para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que ascenden a 1.326,16 euros.

Artigos relacionados

Back to top button