Dende a fonte-lavadoiro de Valencia do Sil comezaba arredor das 18:30h. a visita guiada ao Castro de Valencia do Sil, obxecto dunha nova campaña arqueolóxica nos últimos días da man de Sputnik Labrego co apoio do Concello de Vilamartín. Este ano o tema central das intervencións estivo vencellada á posta en valor do sitio, tal e como explicaba o director da intervención, Carlos Tejerizo. “Nesta primeira fase o fundamental é protexer as estruturas arqueolóxicas precarias, xa que a súa exposición das estruturas ás inclemencias climáticas, implica un deterioro maior, por iso a nosa proposta é tratar de paralizar ese deterioro, consolidando as estruturas que se construíron hai 1500 anos e que levan máis de 50 anos á vista”.
Dende Valencia do Sil os participantes na visita subían ata o castro, onde coñecían o labor desenvolvido polo equipo de investigadores. Xa que nela dábanse a coñecer os resultados das sondaxes realizadas nestes días. Por unha banda, “localizouse unha zona de posible almacenaxe, e por outra, realizouse unha sondaxe preto do camiño, permitindo elaborar novas hipóteses da conformación do asentamento”, indica Tejerizo.
Os asistentes tamén podían ver mostras do material recuperado, entre elas a parte superior dunha fermosa ánfora. Estas pezas cerámicas usábanse para o transporte de líquidos, tamén en contextos domésticos como recipientes de almacenaxe. Agora as investigacións determinarán que contiñan os atopados neste castro valdeorrés.
Fotos cedidas.