Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Visita á “zona cero da sequía” dos deputados provinciais socialistas Francisco Fraga e Miguel Bautista

Achegábanse ata Ardexaxe (Viana do Bolo) para coñecer in situ á difícil situación que atravesan as explotacións gandeiras da montaña do oriente ourensán

 

“Esta realidade é desoladora, isto case parece un deserto. Non hai máis que vir ata aquí para ver as necesidades que pasan os gandeiros e entender as demandas que levan facendo dende hai unha tempada”, aseguraba o voceiro do grupo socialista na Deputación, Francisco Fraga, durante a visita que realizaba xunto ao tamén deputado socialista Miguel Bautista na mañá do 6 de outubro ao municipio de Viana do Bolo. Achegábanse ata Ardexaxe, para coñecer a gandeiría A Ciruxana, en mans dun mozo gandeiro, Xoán. Con eles ía ademais a responsable comarcal de Unións Agrarias na zona de Viana, María Páez, e o concelleiro socialista de Viana do Bolo, Santiago Barja, tamén gandeiros.

Tras coñecer a realidade dos produtores da montaña do oriente ourensán, Fraga insistía na necesidade de que “as administracións, a Xunta e a Deputación, se impliquen. Son necesarias unha axudas inmediatas pero xa porque o gando non pode esperar máis, non ten apenas que comer nin que beber, e esta é unha situación na que, aínda que chova hoxe mesmo ou mañá, que é dubidoso, non se vai arranxar xa de xeito inmediato, porque estamos metidos preto do inverno, virán as xeadas e vai seguir todo seco. Agora os gandeiros están usando as forraxes, os silos que xuntaron para o inverno, que xa son menos que os doutros anos, porque xa daquela había seca. Non se pode esperar máis”.

 

 

O voceiro do grupo socialista na Deputación de Ourense, Francisco Fraga en Ardexaxe (Viana do Bolo)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Fraga comentaba asemade que “viñemos ata aquí para apoialos, reivindicar e ao mesmo tempo trasladarémoslle as súas demandas ás Administracións. Non abonda con adiantar a PAC, algo que máis ou menos xa se adianta todos os anos, que foi o que dixo o presidente da Xunta de Galicia. Que pise o presidente da Xunta a realidade, que veña ata aquí e que vexa o terreo e á vista de todo isto pois a ver que di”.

O voceiro socialista na Deputación ademais destacaba o importante papel que cumpren os gandeiros na limpeza do monte e prevención contra os lumes. “Non hai mellor medida antiincendios que ésta, ¿canto custa un helicóptero ou unha brigada para atallar o que arde? Con isto estamos previndo que arda”.

Tanto Fraga como Miguel Bautista lembraban que se presentaba no pleno provincial hai unhas semanas unha moción sobre esta mesma cuestión que resultaba rexeitada. “Cada dous por tres falan de asentamento no rural e da sangría demográfica que hai, sen embargo vemos que hai xente nova, mozos que revitalizan isto e que se asentan pero despois quedan deixados da man de Deus. Isto no pode ser, as administracións están para reequilibrar e para botar unha man, ou iso quero crer eu”.

 

O valdeorrés Miguel Bautista, alcalde de Petín e deputado provincial do PSdeG-PSOE./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pola súa banda o deputado valdeorrés Miguel Bautista, alcalde de Petín, aludía ás subvencións que “continuamente lle dá á Deputación ao tema da pataca. No oriente ourensán non temos pataca, pero hai outro alimento máis, que son os animais. Creo que a parte oriental da provincia nunca recibiu nada da Deputación nestes temas. É unha mágoa que rapaces novos como Xoán, veñan e invistan no rural e se atopen así. Todo o mundo fala do rural, de que hai que apoiar ao rural, eu son o alcalde do rural e estou vendo que imos cara a desaparición”.

Máis información:
https://osil.info/estamos-nunha-situacion-desesperante/

Artigos relacionados

Back to top button