A Coupe de la Jeunesse, ou o que é o mesmo a Copa da Xuventude de remos, erá esta fin de semana a proba de lume de Ourense para demostrar a súa capacidade para organizar probas deportivas do máis alto nivel. Na xornada inaugural o listón quedou moi alto.
Castrelo de Miño e a provincia convértense nesta fin de semana na capital europea do remo, coa participación de 15 países: Austria, Bélxica, República Checa, Francia, Gran Bretaña, Holanda, Hungría, Italia, Irlanda, Noruega, Polonia, Portugal, Suíza, Suecia e España. Os equipos desfilaron na tarde deste venres 5 de agosto polo Club Náutico de Castrelo de Miño nunha vistosa inauguración que contou tamén coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
Ao acto asistiron o vicepresidente segundo da entidade provincia, César Fernández; o delegado de Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; e a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente.
Na súa intervención, Fernández destacou que este evento deportivo “demostrará a magnífica capacidade de Ourense para acoller un evento deportivo destas características”. Pola súa banda, o presidente do comité executivo da ‘Coupe de la Jeunesse, Gary Harris, enxalzou a fermosa localización na que desenvolverán as competicións e animou aos deportistas para gozar da experiencia.
Cabe destacar a alta participación neste campionato, xa que uns 250 equipos tomarán parte das competicións que se desenvolverán ao longo desta tarde, mañá e o domingo durante a mañá. Os horarios previstos das regatas son: sábado 6 de agosto, de 8:30 a 14:30; e domingo 7 de agosto de 8:30 a 14:30 horas.
Fotos: Pepe Sampayo e cedidas.