En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Vitoria castrexa na loita de gladiadores en Qui-Roma

A V Festa Castrexo-Romana de Quiroga chegaba ao seu punto álxido cun espectacular desfile “Arde Loucos” polo centro da vila e cun combate na praza Maior na tarde do 18 de agosto

Multitude de persoas, boa parte delas con vestimentas propias da época romana, agardaban na rúa Real de Quiroga con expectación a chegada do desfile “Arde Loucos”. Este era un dos actos centrais de Qui-Roma, a V Festa Castrexo-Romana, que se celebraba ao longo da xornada do 18 de agosto con multitude de propostas como unha mostra de artesanía, música, obradoiros, desafíos, escola de gladiadores…

Rozando as nove da noite saían dende as proximidades do Auditorio este singular desfile. Ía encabezada pola garda romana Lucus Equites, seguida polos gaiteiros romanos (Os Palletas), así como polo grupo Wyrdamur e, a partir de aí, xa podía verse a comitiva romana, encabezada polo césar, e a castrexa, pola súa raíña, seguida polos gladiadores e, pechando o percorrido, o grupo Xituma Batuke de Xinzo.

O percorrido concluía na praza Maior, onde estaba xa todo disposto para a agardada loita de gladiadores. Desta volta, o duelo decidía se a raíña castrexa contraía matrimonio co césar, algo ao que era se negaba. O resultado do primeiro combate resultaba favorable á raíña, sen embargo no segundo, o asasinato a traición de Andrea, a loitadora castrexa, cambiaba as tornas. Finalmente, a intervención do druída cunha pócima máxica permitía o regreso de Andrea e a vitoria final dos castrexos. A loita concluía coa celebración da voda da raíña cun castrexo, vencendo así ao poder romano.

Esta quinta e exitosa edición de Qui-Roma ten sido organizada pola Asociación Qui-Roma. O seu broche poñíase cunha festa coa disco-móbil Fabrik na mesma praza.

Fotos: A.R.

Máis fotografías en:
https://osil.info/a-quinta-edicion-qui-roma-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button