DeportesÚltima hora

Vitoria traballada da selección de Mondelo contra Porto Rico

España comezaba perdendo pero no terceiro cuarto dáballe a volta ao partido, que acababa ganando por 78 a 53

 

O seleccionador absoluto de básket feminino Lucas Mondelo, co equipo nun dos tempos mortos do partido contra Porto Rico.

Segunda vitoria española neste domingo 23 de setembro na Copa do Mundo de baloncesto feminino, que se celebra en Tenerife, pero nun partido moi diferente ao de onte con Xapón. Á selección que dirixe o valdeorrés Lucas Mondelo atrancabáselle o primeiro cuarto, que remataba cun 8 a 15 a favor das portorriqueñas, e no segundo cuarto lograba unha mínima vantaxe de 26 a 25.

Era a partir do terceiro cuarto cando as xogadoras de Mondelo rompían o partido. Saían ben dende os primeiros minutos, concentradas, manexando ben as perdas, ademais de mellorando en defensa e traballando o rebote. O resultado traducíase no marcador, que remataba neste cuarto cun 48 a 35 para España.

 

Lucas Mondelo, noutro dos momentos do segundo partido da Copa do Mundo.

 

A selección española mantiña ese ritmo no cuarto definitivo, xogando ben en equipo, con velocidade e reforzando a vantaxe ata sentenciar o encontro cun resultado de 78 a 53. Esta vitoria que sitúaa agora como líder o grupo C. O seu próximo rival será Bélxica.

 

Entre o público español que está animando a selección están familiares de Mondelo como Pedro, no centro desta imaxe./ Foto cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button