CulturaCulturaÚltima hora

Volve o teatro a Vilamartín de Valdeorras na recta final de ‘As Letras de Florencio’

Esta fin de semana actuarán os Furafollas (en dobre sesión) e Aldaolado

Furafollas Teatro.

 

Esta fin de semana o teatro, a poesía, a música e o humor xuntaranse para pechar o apartado teatral de ‘As noites de Florencio’, en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), con dúas propostas aliadas das Letras de Florencio.

Por unha banda Os Furafollas, agrupación barcelonesa liderada por Anxo Baranga e que colaborou dende o seu inicio nas Xornadas de Teatro de Córgomo que devolveron o poeta á actualidade e das que estas ‘Noites de Florencio’ son herdeiras. E por outra, Lucía Aldao e María Lado, artistas que xa participaron en dúas galas do proxecto.

 

Aldaolado.

 

A programación co teatro como eixo principal comezará o venres 19 de agosto ás 22 horas na Aira dos Bolos de Córgomo, onde o público será convidado a percorrer a vila para ir atopando diferentes propostas escénicas nun novo teatro encontro con Florencio, da man da compañía Furafollas. Segundo explicou Anxo Baranga, os seus integrantes estarán repartidos por Córgomo para ir botando contos a quen se achegue, favorecendo a interacción co público e a espontaneidade. “En realidade cos Furafollas nunca sabes moi ben o que pode pasar así que será unha sorpresa para todos”, asegura Baranga, quen nesta ocasión non poderá participar como actor pero fará de anfitrión da velada.

O sábado 20 de agosto a convocatoria volve ser en Córgomo cos Furafollas con outra proposta escénica ‘A taberna canto conto’, un formato tamén moi interactivo ao que convocan ás 12:30 horas de novo na Aira dos Bolos.

 

 

Tamén o sábado, pero ás 21 horas, será o turno das poetas Lucía Aldao e María Lado que levan xa unha longa traxectoria como escritoras e creadoras de diversos espectáculos escénicos nos que a poesía, a música en directo e o humor son a base. Nesta liña presentan ‘Furia Necesaria’ un título que se opón a esa imaxe de amor e tenrura da que tanto se abusa no xénero lírico, e que as poetas toman da obra de Lois Pereiro, de quen aprenderon que a rabia tamén pode dar bos versos.

Con esta proposta subirán ás táboas na praza José Luis Núñez de Vilamartín na que será a súa terceira visita a Valdeorras convocadas polas Letras de Florencio. A súa actuación pecha esta recta final de ‘As Noites de Florencio que rematarán a última fin de semana de agosto cun concerto de Sr. Jingles e un xogo de pistas para a rapazada.

Artigos relacionados

Back to top button