
Os afeccionados ao motor teñen unha cita a finais deste mes. O espectacular tramo de 8,8 quilómetros, un desnivel de 474 metros e unha pendente media do 5,3% entre La Baña e moi preto do alto de Fonte da Cova (Pena Trevinca), no concello de Carballeda de Valdeorras, albergará o vindeiro 25 de xullo unha nova edición da Subida de la Pizarra, sinalado un ano máis como o acontecemento deportivo destas características máis importante da comarca de La Cabrera.
A proba automobilística, puntuable para o Campionato de Castela e León de Montaña e tamén para o Campionato de Extremadura de Montaña, chega este ano á décima edición. Dez anos polos que desfilaron varios dos pilotos máis importantes da especialidade como Jacobo Senín que lideraba a lista de inscritos o ano pasado aos mandos da súa impoñente barqueta Nova Proto NP 01 Glassdrive, xunto a varios monopraza e os Porsche de Juanjo Abia e Alfredo Sal, amén doutros turismos como o Fabia N5 de Javi Ferrero ou o Scirocco de Conrado Fernández, entre outros. O prazo de inscricións da X edición pecharase o 20 de xullo para un máximo de 60 coches.

E xa o sábado día 25 terá lugar a totalidade da proba, organizada polo Club Deportivo Subida a Riego (CSR)/ Médula Sport. O peche da estrada e accesos está previsto para as 15 horas, momento no que se presentarán aos pilotos no parque pechado, na praza da Baña. O briefing celebrarase ás 15:45 horas na saída. “Rógase máxima puntualidade e a non asistencia sancionarase cunha penalización de 30 segundos na clasificación final”, advirten dende a organización.
A warm up (subida de quecemento non obrigatoria) será ás 16 horas e a continuación disputarase a subida de adestramento e as dúas subidas oficiais, computando na clasificación final o mellor tempo de calquera das dúas mangas, sendo obrigatorio tomar a saída en todas elas. A competición rematará coa entrega de premios unha vez que todos os coches estén no parque pechado.

Fotos: CSR.
Máis información na edición en papel de O SIL Deportivo.
