ConcellosEn portadaÚltima hora

Xa ten ganadores a campaña “Francisco Fernández del Riego: tecedor de redes”

Esta iniciativa, promovida polo CCA O Barco en colaboración con 8 centros valdeorreses, desenvolvíase no marco das Letras Galegas 2023

 

Remata a campaña das Letras Galegas 2023, “Francisco Fernández del Riego: tecedor de redes”, organizada pola asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco conxuntamente cos equipos de Dinamización da Lingua Galega de 8 centros educativos valdeorreses. E conclúe coa entrega de premios aos ganadores desta edición, que tiña lugar ás 17h. deste 6 de xuño na praza do Concello do Barco.

Nesta iniciativa participaban os seguintes centros de ensino: o  CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Otero Pedrayo, Colexio Plurilingüe Divina Pastora, IES Lauro Olmo e IES Martaguisela do Barco; o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá e o CPI Tomás Terrón Mendaña de Sobradelo.

A campaña presentaba unha dobre vertente. En primeiro lugar, centrábase no apartado educativo e pedagóxico (que se completará cunha exposición en forma de rede no Paseo do Malecón co traballo do alumnado participante) e outra social, implicando ao CCA e, a través del, á sociedade valdeorresa en xeral.

Neste segundo caso desenvolvíase do 10 ao 31 de maio en ata 39 establecementos asociados ao CCA. Estes comercios amosaban nos seus escaparates cartas de Francisco Fernández del Riego decoradas e con selos coa imaxe do autor elaborados polo alumnado dos centros educativos.

Ademais da exposición das epístolas, os cativos da comarca podían participar nunha xincana buscando as cartas nos establecementos e vinculando as mesmas cos encabezamentos indicados nun folleto de participación que deberán selar en cada establecemento. Ao completar a xincana e ter o folleto cuberto, xunto cos datos persoais, tiñan depositalo nunha urna instalada nas oficinas do CCA O Barco (c/ España, 1).

Antes da entrega de premios, o presidente do CCA O Barco, Jacobo Arias, valoraba de maneira moi positiva o balance desta campaña. Agradecía a participación dos centros de ensino e tamén do alumnado, ademais da colaboración dos establecementos asociados que ademais de amosar os traballos selaban os folletos da xincana. Así mesmo adiantaba a vontade da asociación de continuar por esta liña o vindeiro ano.

 

 

Despois procedía á entrega de galardóns entre os cativos. Premiábase á mellor carta decorada de cada centro educativo cun vale de 25€ para investir nas librarías asociadas ao CCA: Caprichos, Murciego, Librería Yoli, Nós e Praxis.

 

 

Deseguido unha das ganadoras metía a man na urna na que se depositaban os folletos da xincana para proceder a coller unha papeleta ganadora dun vale de compra de 50€ para investir nas librarías asociadas ao CCA O Barco. O afortunado era Lither Matallana.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button