Lembrando como comezaba a preparar o seu pregón, botando man de xeito infructuoso da intelixencia artificial, e cunha divertida anécdota dunha cata de viños galegos á que fora invitado hai tempo comezaba o xornalista Xabier Fortes o seu discurso no acto inaugural da Feira do Viño de Valdeorras, que tiña lugar este mediodía na praza de Viloira (O Barco). “Os viños, na miña modesta opinión, deben fuxir do artificio, como nós debemos fuxir da intelixencia artificial ou das explicacións engoladas. Os viños son, sobre todo, un elemento máis dunha tarde de conversa cos amigos, dun xantar, dunha cea ou dunha tarde morna ao pé dun río ou nun outeiro no que divisar a liña do horizonte”.
É máis, aseguraba que o “viño é moito máis que natureza, é o produto da civilización, da humanización da paisaxe”, aludindo aos socalcos galegos. E engadía que se nalgún lugar ten sentido falar de humanización da paisaxe e da civilización que este produto aporta é nas terras de Valdeorras, aludindo ao seu legado romano, do que destacaba dúas herdanzas principais. Por unha banda, a lingua galega, e, pola outra, o viño. “Un viño, o de Valdeorras, louseiro, granítico. Cunqueiro falaba dos viños de Valdeorras como cabais e serios, anchos e serenos”.
Fortes comentaba como estes viños están “feito en latitudes superiores aos 700 m, con chans de lousa que acollen o calor do día e que o traspasan ás uvas para unha maduración tépeda e nocturna”. E, para que hoxe “isto sexa así, foi necesario que alá pola metade do século pasado, tras ser recoñecida a Denominación de Orixe de Valdeorras se seguise unha laboura de decantanción das mellores uvas, dos mellores froitos. Nos brancos os galegos non temos competidores en todo o mundo. Se nas Rías Baixas crían o Albariño e no Ribeiro a treixadura, aquí temos a excelencia do godello”, destacando así mesmo que hoxe o godello que se planta noutros lares leva o ADN de Valdeorras, “da Rúa, de Larouco, do Barco, de Petín, de Rubiá, de Vilamartín”.
De feito, engadía, “Valdeorras é a única D.O. na que se pode etiquetar o viño godello se é monovarietal”. E seguía polos tintos, mencionando á mencía, que tamén afonda as súas raíces na época da dominación romana.
Finalmente, confesábase un “valdeorrés de corazón” e remataba, entre aplausos, convidando a desfrutar destes viños na feira valdeorresa, “bebamos, pero con sentidiño”.
Fotos: A.R.
