A obra de Andrea Rodríguez coa que Sober anuncia a XXXV Feira do Viño de Amandi vén de ser distinguida co primeiro premio no V Concurso de cartaces de Festas Gastronómicas que convoca o salón Xantar, que se está a desenvolver nestes días en Expourense.
O acto de entrega do galardón tiña lugar no mediodía do 6 de marzo. Nel estivo presente a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana. O premio foi recollido, no nome do Concello de Sober e da propia autora, polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.
Neste certame participaban nesta edición uns 40 traballos. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, vén de agradecer de novo o traballo de Andrea Rodríguez e a distinción que acaba de recibir o seu cartaz e que novamente “contribuirá a que a Feira do Viño de Amandi siga chegando a máis e máis xente”.