ConcellosÚltima hora

XIII Festa da cereixa e do aceite de Ribas de Sil, o 30 e 31 de maio

O programa inclúe a 3ª concentración de vehículos clásicos e un festival folclórico
Un posto de cereixas na pasada edición da festa na praia fluvial de San Clodio./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un posto de cereixas na pasada edición da festa na praia fluvial de San Clodio./ Foto: Carlos G. Hervella.

Organizar esta festa “está cheo de dificultades tendo en conta que a cereixa é un froito perecedoiro e moi sensible ás inclemencias do tempo. O simple feito de escoller a data idónea se convirte nunha aventura con non poucos riscos” asegura o alcalde de Ribas de Sil, Miguel A. Sotuela. Con todo, a Festa da cereixa e do aceite leva xa máis dunha década de traxectoria e a vindeira fin de semana, 30 e 31 de maio celebrará a XIII edición “un longo camiño percorrido nesta festa de exaltación dos nosos produtos” di Sotuela.

Coma sempre, a festa celebrarase na praia fluvial de San Clodio e arrancará o sábado dia 30 pola mañá cun pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas de Ribas de Sil, e a apertura do recinto feiral con degustación de cereixas. Ese mesmo día ás 18h. na aula de pesca, abrirase unha exposición de pinturas a cargo dos alumnos da Escola Municipal, cun obradoiro ao aire libre, mentres que ás 19:30h. celebrarase o 7º Trofeo da Cereixa de fútbol na área deportiva da praia fluvial. A lectura do pregón será ás 21h. a cargo de Lara Méndez López, vicepresidenta da Deputación de Lugo e ás 21:30h. haberá baile a cargo do grupo Época.

O domingo día 31 pola mañá abrirase novamente o recinto feiral, con degustación de cereixas e productos típicos. Manterase aberta a exposición de pintura na aula de pesca e haberá un pasarrúas e actuación por todo o recinto da charanga Europa. Ás 12h. terá lugar a 3ª concentración de vehículos clásicos, que permanecerán en exposición todo o día na praia fluvial, e media hora máis tarde celebrarase un festival folclórico e musical a cargo do Grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas de Sil e do Grupo de pandereteiras da Escola de Música.

Xa pola tarde, a partires das 16h. haberá unha demostración de artesanía en madeira de oliveira a cargo do artesán Pablo Rodríguez, de “Armaior”; ás 18h. un obradoiro de maxia para nenos na aula de pesca; ás 19h. a actuación do Mago Deimi; e ás 20h. a actuación da charanga Europa coa que se clausurará a esta XIII edición da festa.

Artigos relacionados

Back to top button