DeportesÚltima hora

Ximnastas de todo o país veñen a Ourense esta fin de semana ao Campionato Escolar de ximnasia rítmica

O campionato levarase a cabo no Pavillón dos Remedios.

As mellores ximnastas estarán en Ourense esta fin de semana, 5-6-7 de maio, no Pavillón dos Remedios no Campionato de España de Ximnasia Rítmica en Idade Escolar. “Unha oportunidade de que os veciños poidan contemplar os novos valores deste deporte tan disciplinado”, aseguraba o concelleiro de Deportes, Mario Guede, na presentación, pero tamén de que coñezan unha cidade de alma deportiva e de vocación acolledora”.

Na pista do Pavillón dos Remedios daranse cita 156 persoas entre deportistas, xuíces e técnicos, pero as gradas “lucirán un colorido especial pola gran cantidade de xente que atrae este deporte”, dixo o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez. Corda, aro, mazas, cinta e pelota serán as disciplinas nas que compitan, tanto en categoría individual como por federacións territoriais. “Estamos a falar das mellores ximnastas de todo o país”, dixo Estévez.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, felicitou a todos os estamentos implicados na celebración deste Campionato, desde o Consello Superior de Deportes ata a Federación Galega, a quen felicitou por “favorecer a práctica da educación deportiva e física en idades tan temperás”, dixo, o que nos conduce “a unha sociedade sá”. O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, concordou con Míguez nese aspecto.

As competicións comezará o sábado ás 9:00 horas.

Artigos relacionados

Back to top button