EconomíaEconomíaÚltima hora

Xinzo recupera e une nunha mesma data as feiras da Pataca e da Maquinaria

Terán lugar os días 3, 4 e 5 de setembro e ocupará o interior do pavillón de deportes, o seu exterior, a rúa 2 de Maio e tamén a explanada do Toural

 

Coa esperanza de que o Covid-19 sexa pronto só un mal recordo, pero mantendo todos os protocolos vixentes en materia sanitaria, o Concello de Xinzo decidía retomar este ano as feiras da Pataca e da Maquinaria Agrícola, que non se puideron celebrar o ano pasado pola pandemia e que deixou con gañas de máis aos veciños que puideron participar na primeira edición do 2019, polo que haberá cambios significativos.

Co fin de que convertela “nun referente do sector no norte de España” e para reducir o número de feiras por precaución, uniranse as dúas citas nunha mesma fin de semana e nun mesmo espazo. Así, está previsto que esta gran feira se celebre os días 3, 4 e 5 de setembro no interior e exterior do pavillón municipal e arredores. Deste xeito, “habilitarase non só a explanada da instalación deportiva, senón tamén a rúa 2 de maio dende a rotonda ata a ponte sobre o Limia e a explanada do Toural”, puntualizan dende o Concello.

 

 

A previsión é que no interior do pavillón se instale todo o relativo á pataca, da man de produtores, asociacións ou almacenistas, entre outros profesionais relacionados co sector. Tamén está programado un showcooking. Nos exteriores copará toda a atención a maquinaria agrícola.

Para que a Feira da Pataca e da Maquinaria Agrícola volva a formar parte das citas ineludibles que marcan no calendario os veciños de Xinzo de Limia, o executivo local aprobará no pleno deste venres unha modificación de crédito para a súa financiación. Na mesma sesión plenaria tamén está previsto dar luz verde a unha modificación da ordenanza reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público para cobrar aos postos de maquinaria que se instalen no espazo que se lles habilitará, xerando así ingresos adicionais.

Na organización desta novidosa feira, que incorporará grandes atractivos, están traballando directamente a concellería de Promoción Económica, que dirixe Manuel Pérez Campos; e a de Medio Rural, liderada por Amador Díaz Penín.

Artigos relacionados

Back to top button