EntrevistasÚltima hora

Xógara: “Intentamos crear un panorama de músicas europeas dende as nosas propias influencias: inglesa, galesa e galega”

Esta banda de folk, cun compoñente galego, abrirá esta noite xunto ao Owl Light Trío o Terrasón do Barco

Os integrantes da banda Xógara, entre eles o galego Mano Panforreteiro (o primeiro pola dereita).

 

Son folk para abrir o Terrasón, na noite deste venres a partir das 22:30h. na praza Maior do Barco. Dúas bandas internacionais, Xógara e Owl Light Trío, estrearán a terceira edición deste ciclo musical que promove o Concello do Barco. Será a segunda actuación en Galicia, tras estrear a súa xira “Tournée Galega 2022”, onte en Ribadeo (Lugo), cunha gran acollida, tal e como explica un dos membros de Xógara, o focense Mano Panforreteiro, que concedía unha entrevista ao Periódico O SIL pouco despois da chegada destas dúas bandas ao Barco este venres.

Xunto a Mano (gaitas e low whistle), forman parte de Xógara (palabra coa que se denominan na Mariña Lucense as pedras pulidas polo mar):  John Ruddock (voz, guitarra e bouzouki), Siriol Davies (voz) e Jo Hamilton (saxofonista e frautista).

– Que é Xógara?

É unha banda que naceu en Oxford (Inglaterra), formada por músicos que andabamos naquela altura por alí. Eramos catro persoas, todas inglesas menos eu, que son galego pero vivín emigrado nesa cidade unha manchea de anos. Coñecímonos tocando en sesións e decidimos armar un proxecto de música folk, combinando a procedencia de Gales da cantante e da parte oeste de Inglaterra do guitarrista; a da saxofonista e frautista e a miña aportación galega. A idea era intentar crear un panorama de músicas europeas dende as nosas propias influencias e tamén coas nosas composicións.

– Cando comezastedes?

Arredor do 2013. Os inicios foron unha colaboración cunha librería que naquel momento programaba moita música independente en Oxford. Aí  Jo Hamilton e máis eu fixemos un par de intervencións e despois sumámonos con Siriol e con John, que foi voz e guitarra. Non foi n nacemento abrupto, senón un percorrido a modiño. Entre o 2012 e o 2014 fúmonos conformando como banda. No 2017 fixemos a nosa primeira xira por estas terras e agora regresamos con outra banda, un trío folk que se chama Owl Light Trio, que son excelentes músicos e amigos nosos de terras británicas.

– Como foi evolucionando a música de Xógara nestes case dez anos?

Os nosos arranxos e composicións van evolucionando conforme imos medrando tamén como persoas e como músicos e tamén conforme se vai consolidando a personalidade da banda. A medida que van pasando os anos e imos adquirindo experiencia conxunta, imos atopando o noso son propio.

A combinación dos instrumentos que tocamos, que non é tampouco a máis habitual dentro, non só da música folk, senón da música en xeral;  tamén nos axuda a conseguir un son propio. A medida que imos armando máis repertorio, imos atopando cousas que encaixan con Xógara, tal e como nós a entendemos conceptualmente. E logo hai cousas que van quedando un pouco atrás porque xa se alonxaron un pouco do que é a nosa definición.

Aínda así, conformamos unha banda que se encadra dentro da música folk, pero que combina saxo, oboe, guitarra, gaita galega e gaita inglesa. E, ata o momento, cantamos unicamente en galego e galés, que é unha das linguas das nacións celtas, conectada co irlandés e co gaélico escocés. Isto convértenos nunha banda moi centrada no apoio das linguas minorizadas.

 

 

– Como é ese traballo de integrar ese conxunto de músicas de diferentes raíces e sonoridades no repertorio da banda?

Para nós é un traballo natural. Aquilo que decidimos mesturar é algo que xa previamente nos chegou como algo que encaixaba de forma natural, entón non facemos ningún esforzo no senso de dicir a ver como mesturamos isto con isto outro que é tan diferente. Se nalgún momento do proceso de creación mesturamos unha música dun lado e outra música de outro é porque xa previamente ambas nos chegaron conectadas, polo tanto resulta un proceso como moi natural. E iso tamén porque nós, como persoas que viaxamos dun lugar a outro, temos esa experiencia de conectar, de levar cousas dun lugar e encontrar cousas doutro, e de metelas todas na mochila para levalas de viaxe connosco.

– Que vai poder escoitar o público no concerto desta noite no Barco?

O concerto comezará co Owl Light Trio, que ten arranxos de temas incribles e que vai tocar tamén algunha peza galega arranxada por eles mesmos. Isto resultará algo moi único xa que é diferente a concepción dunha formación estranxeira, que non participou da música galega, cando colle unha música de aquí e a transforma ao seu xeito de facer.

E despois vanse poder escoitar cantigas galegas intepretadas por unha cantante galesa, cunha voz espectacular, e tamén varios temas que imos facer entre as dúas bandas xuntas. É un espectáculo especial, que ademais se presentou onte por primeira vez en Ribadeo e na Península Ibérica, e del quedamos encantadas as persoas que estamos no escenario e as persoas do público, igualmente. Dígoo de corazón porque se notaba. Foi unha noite especial como esperamos que sexan as vindeiras, incluída esta noite no Barco.

Artigos relacionados

Back to top button