Esta mañá presentábanse (de maneira conxunta por parte da Xunta de Galicia, o Concello de Verín e Aira editorial) os produtos relacionados co Camiño de Santiago realizados grazas ao programa O Teu Xacobeo 2021. Son propostas pensadas para todos os públicos e nos que as coordenadas da Vía da Prata, as comarcas da Limia e Verín e a provincia de Ourense no seu conxunto teñen un papel destacado.
Na presentación estiveron presentes, Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Cecilio Santalices, xefe de servizo de Turismo na delegación territorial da Xunta en Ourense e César Lorenzo, director de Aira editorial.
“Desde o Concello de Verín sempre tentamos apoiar, na medida do posible, todos os proxectos que dunha maneira ou outra buscan visibilizar as singularidades da nosa vila. Máis aínda cando se trata de poñer en valor o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico dunha maneira tan amena e didáctica”, sinalaba Emilia Somoza.
Pola súa banda, Cecilio Santalices, explicou que este proxecto conta cunha axuda de 14.000 euros no marco do programa O Teu Xacobeo 2021 e destacou a “maneira maxistral na que estas publicacións recollen toda a riqueza natural, patrimonial e cultural da provincia de Ourense”.
Na rolda de prensa, César Lorenzo presentou o xogo de memoria A natureza no Camiño de Santiago, unha divertida proposta para toda a familia na que os xogadores deben xuntar parellas de animais e especies da flora propias da rota xacobea. Mediante este sinxelo, mais adictivo xogo, galegos e visitantes poden aprender máis sobre fauna e flora e, sobre todo, sobre o vocabulario galego específico destas especies. O xogo, fabricado en España, ten unha fabricación de alta calidade e fermosas ilustracións a toda cor.
Lorenzo tamén amosou en público Os Camiños de Ourense, un mapa para pintar, pensado para nenos e nenas de até cinco anos. Grazas ás súas amplas dimensións (1 metro por 70 centímetros) os máis cativos da casa disporán de horas e horas de diversión poñéndolle cor á provincia de Ourense, descubrindo os camiños que a percorren e tamén monumentos, mitos e personaxes relacionados coas rutas xacobeas.
Desde Aira editorial anunciaron tamén a próxima publicación dun cómic infantil, de xénero fantástico e de aventuras, ambientado na Vía da Prata ao seu paso pola comarca de Verín e no que aparecerán enclaves tan importantes como o balneario de Cabreiroá ou o Castelo de Monterrei.