Un ano máis é a Asoc. Sociocultural Boca do Monte a encargada de organizar o programa das festas da Madalena nos Anguieiros, parroquia de Montefurado (Quiroga).
Un programa que comezará o día 20 de xullo pola mañá cunha camiñada (de 9 a 13h.) por un tramo do Camiño de Inverno e as aldeas de Montefurado, O Ermidón, O Ivedo e Alvaredos. Neste último punto visitarán a adega Alvaredos Hobbs. A saída e a chegada será na Praza de Montefurado, xunto á igrexa. Tamén ás 9h. e como novidade este ano, haberá unha sesión de Mindfulness. Os interesados teñen que contactar para reserva e info ao detalle no whatsapp 637 290 204.

Xa pola tarde, de 19 a 21h. haberá xogos populares interxeracionais, especialmente pensados para a cativada pero para poder participar os maiores acompañándoos. Os xogos previstos son Chave (2 diferentes), Bolos Celtas, Petanca, Billarda, Carreira de sacos e xogos de auga. Para as 21h. queda xa unha merenda popular para os asistentes e foliada amenizada polo Grupo Tradicional A Cadela Asasina.
O prato forte do domingo 21 de xullo será o XII Campionato de Bolos Celtas. “Trátase dunha actividade á que lle dedicamos un tratamento especial pois dende hai anos recuperamos na aldea este xogo tras moitísimos anos sen xogarse. Cada ano se apunta máis xente que vén incluso de puntos remotos de Quiroga”, explican dende a asociación. Xogan homes e mulleres e despois daranse premios aos 5 mellores clasificados de cada categoría (masculina e feminina). Será de 10 a 12:30h. e este ano contarán coa visita dun divulgador de xogos populares a nivel nacional, Fernando Maestro.
A continuación, de 12:30 a 13h. haberá alborada a cargo de Abertal, grupo tradicional da Rúa; e ás 13:15h. procesión e misa na capela dos Anguieiros. Ás 14h. música de novo con Abertal, con aperitivo popular para os presentes e sorteo das Rifas da Madalena con premios moi interesantes de produtores e artesáns de Quiroga.




