Ourense

Xornada de formación sobre os recursos educativos do Proxecto TERRA

O Colexio de Arquitectos de Galicia dará o curso aos profesores de Ourense a partires do conto “Sabela e as zocas máxicas”
Portada do conto infantil.
Portada do conto infantil do que parte a xornada de formación.

Mañá, sábado 24 de setembro, celebrarase na sede do Centro de Formación e Recursos de Ourense (rúa Universidade, 18. A Cuña. Mariñamansa), unha xornada integrada no Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación, sobre os novos recursos educativos para Educación Infantil elaborados polo Proxecto TERRA.

O Colexio de Arquitectos de Galicia será o encargado de impartir o curso en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, tomando como punto de referencia o conto “Sabela e as zocas máxicas”. O texto, forma parte dos recursos educativos que conforman o proxecto “Da Casa á Escola” que buscan un “achegamento multisensorial, emocional e afectivo ao espazo vivido, que fai máis rica a construción mental que nestas idades temperás se está a facer dos tres ámbitos máis significativos na vida dos cativos: a casa, a escola, o camiño da casa á escola, e que se refiren aos tres ámbitos do privado, social e público que están presentes ao longo da vida e que xa se constrúen desde pequenos”, explican dende o Colexio de Arquitectos de Galicia.

A través de tres historias, “O Segredo do faiado”, “O moletiño de pan” e  “O tesouro da escola”, preténdese orientar a observación e a vivencia dos espazos cotiás do alumnado de Educación Infantil no ánimo de facelas o máis diversas e completas posibles. Coincidindo co inicio do curso, e tal como adiantan dende o Colexio de Arquitectos, os recursos serán enviados gratuitamente ao longo do mes de outubro a todos os centros de Galicia que impartan Educación Infantil.

Artigos relacionados

Back to top button