ConcellosQuirogaÚltima hora

Xornada de portas abertas e exposición, o 4 de agosto no Centro de Día da Ribeira, en Quiroga

Centro de Día da Ribeira en Quiroga.

 

O Centro de Día da Ribeira, en Quiroga, prepara unha xornada de portas abertas para este venres día 4 de agosto. Unha iniciativa co que “e pretende “que se coñeza de cerca este centro, tanto o seu funcionamento como as instalacións e o persoal que o atende”, din dende o Concello, indicando que o número de usuarios varía continuamente e nestes momentos son 20 as persoas ás que acolle.

O novo equipo de Goberno, e máis concretamente o Concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes, aposta por “consolidar este centro por considerar que é unha moi boa solución de conciliación para as familias”, á vez que está convencido de que “Quiroga pode presumir de ter un centro coma este”. Por iso “hai que seguir apostando por este servizo, traballar por el, melloralo e que haxa un alto grao de satisfacción de usuarios e familias”.

Tal como explican dende a administración local, os usuarios deste centro reciben servizos de enfermería, atención social, terapia ocupacional e atención psicosocial, con actividades de dinamización social e cultural; ademais de servizo de fisioterapia, con actividades de prevención da inmobilidade. “Se así o solicitan tamén poden beneficiarse de servizos externos e complementarios a demanda, como o servizo de transporte de recollida a domicilio ou o servizo de manutención e dietas”, din.

Coincidindo coa xornada de portas abertas no mesmo centro realizarase unha exposición cos traballos de pintura en lenzo que realizaron os usuarios e usuarias. “A pintura é unha das actividades que máis lles gusta”, apuntan dende o centro e con esta mostra trátase de “dar visibilidade aos seus traballos acadando a satisfacción persoal dos usuarios”.

Aínda que a xornada de portas abertas será de 8 a 20 horas, será entre as 11 e as 13 horas cando asistan o alcalde de Quiroga, José Luís Rivera e o concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes. Sobre esta hora tamén se convidará aos asistentes a un almorzo.

 

Artigos relacionados

Back to top button