ConcellosEn portadaO BarcoSanidadeÚltima hora

Xornada familiar e solidaria en Viloira (O Barco) a favor da Asociación de Nenos con Transplante Hepático

 

Convivencia, solidariedade e xogo. Viloira (O Barco) acollía ao longo do domingo 3 de abril unha festa solidaria da Asociación de Nenos e Nenas con Transplante Hepático (Aninath), cunha notable asistencia de familias da comarca. A entrada a esta iniciativa benéfica, que tiña lugar no CEIP Otero Pedrayo de Viloira, tiña un custo de 10 euros, que incluía xantar e participación nun sorteo de agasallos.

“Organizamos un evento benéfico a favor da Asociación Aninath, unha entidade sen ánimo de lucro formada por pais e nais de nenos transplantados e que aposta pola investigación porque consideramos que é moi importante. Ningún neno necesita un transplante deste tipo a non ser que sexa por unha enfermidade rara”, explica Lina, unha veciña de Valdeorras voluntaria desta entidade.

Tamén explica Lina que o que se recaude “irá destinado á zona infantil de transplante hepático do Hospital Vall d’Ebron de Barcelona. Arestora non está ben habilitada para os pais. Os transplantes son moi longos, acostuman ser ingresos de 2 ou 3 meses, depende dos casos. Entón queremos unha sala para os pais, para que poidan saír un pouco e descansar, unha cociña para que poidan cociñar e eviten o gasto e ademais poidan estar cos seus fillos, e unha zona para poder asesarse, porque é moito tempo o que dura un ingreso, entón necesitamos unha sala adecuada”.

 

Lina, unha das voluntarias de Aninath./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O programa desta festa solidaria iniciábase a partir das 11h. con diversas actividades dirixidas aos máis pequenos como inchables, a actuación do rues Magín Blanco. Ao mesmo tempo, os maiores podían participar nunha ruta de motos guiada por “Motoristas Unidos” con saída as 11h. da praza de Viloira e chegada en torno ás 13h.

E, despois dun xantar, continuaba con maxia e malabares de Guti, con zumba a cargo de Janaina e Anabela, así como cunha actuación da Academia Bayadere. A partir das seis tiña lugar un sorte de premios e arredor das sete da tarde concluía esta iniciativa benéfica. “A cuestión é que os nenos desfruten esta xornada e que sexa un día familiar e a xente tamén pode realizar as súas doazóns”, engadían dende a organización.

Con esta iniciativa Aninath tamén pretende “concienciar á cidadanía sobre o que é un transplante, así como sobre a importancia da doazón de órganos, tecidos e  sangue”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Voluntarios de Aninath./ Cedida.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button