Arredor da memoria histórica, da represión franquista e da resistencia fronte a ela xirará a xornada que se celebrará o vindeiro 20 de xullo no Círculo recreativo cultural de Chantada (Lugo). Leva por título “Memoria das resistencias e da represión” e o seu programa iniciarase a partir das 10h. O primeiro dos relatores será Rafael Lobelle González, historiador e docente, coa conferencia “Polos vieiros da Memoria: a transmisión do trauma bélico na parroquia de Santa Cruz de Viana”.
O programa continuará con ponencias sobre a memoria e a represión franquista nas illas de San Simón e San Antonio e sobre Chantada na II República. Tamén se falará de “Repil, de cenario de combate a lugar de Memoria”, de man do arqueólogo e investigador Xurxo Ayán. A esta mesma temática referirase a intervención de Santiago Macías, co título “Fermín Gutiérrez Lada “Segura”. Unha vida de resistencia nas terras de Brollón.

“Este guerrilleiro asturiano participou na batalla de Repil (A Pobra de Brollón, Lugo) o 20 de abril de 1949 e, gravemente ferido na mandíbula, logrou escapar ata chegar á próxima localidade de Cereixa.
Catro anos máis tarde, o 10 de outubro de 1953, a Garda Civil descubriu a súa presenza nun control rutineiro na paraxe de Vilameá, na parroquia de Argozón (Chantada, Lugo) e ao verse rodeado pegouse un tiro antes de sufrir torturas e represión. Gravemente ferido, foi trasladado a Chantada pero morreu no traxecto. Foi enterrado no cemiterio da localidade”, contan os promotores da xornada, engadindo ademais que a súa historia quedou inédita na zona de Chantada, “como a de moitas outras persoas represalias en maior ou menor medida polo franquismo”.
E resalta que a “a alegría do seu sobriño Víctor Gutierrez Gutierrez sostendo a súa foto é o mellor exemplo da necesidade de coñecer o pasado e reparar a memoria das vítimas. Por ese motivo, este sábado a Universidade Popular de EGV centrarase na memoria da represión e a resistencia no medio rural e, no que poida, darei a coñecer a historia e a traxectoria de “Segura” “, conclúen os organizadores.