ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

Xornada sobre normativa forestal, no Barco o 11 de novembro

Serán impartidas polo Servizo de Montes provincial, buscan abordar como lle afecta a normativa vixente en materia de montes e prevención de incendios á poboación do medio rural

Superficie forestal na provincia de Ourense./ Foto: A.R.

 

Ata sete xornadas organizará na provincia de Ourense neste mes de novembro a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, sete xornadas sobre aspectos prácticos da normativa forestal. Impartidas polo Servizo de Montes provincial, cada unha delas constará de catro horas formativas, en horario de tarde.

As primeiras accións están programadas o día 9 de novembro no salón de actos do Concello de Xunqueira de Espadanedo, o 11 na Casa Grande de Viloira do Barco de Valdeorras, o 15 no salón de actos do castelo de Castro Caldelas e o 16 no salón de actos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia emprazado en Ourense. Así mesmo, o 18 está prevista unha destas xornadas na Casa da Cultura de Xinzo da Limia, o 19 no salón de actos do Concello de Bande e, por último, o 24 de novembro na Casa da Cultura do Carballiño.

O obxectivo é mostrar como lle afecta a normativa vixente en materia de montes e prevención de incendios á poboación do medio rural, centrándose nos procedementos máis habituais que van precisar levar a cabo. Así, falarase das declaracións responsables e autorizacións de corta de madeira, de repoboacións forestais e de cambios de actividade. Tamén das obrigas de xestión de biomasa para avanzar na anticipación aos incendios forestais, dos usos do lume permitidos e prohibidos e, nesa liña, das comunicacións e autorizacións de queima de restos amoreados.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico maria.jose.alberte.rivera@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 988 386 706.

Artigos relacionados

Back to top button