EconomíaEconomíaÚltima hora

Xornadas sobre planificación de plantacións de castiñeiro de froito no Bolo e no Courel

Están dirixidas a propietarios de terreos con castiñeiros ou a persoas interesadas en plantalos

 

Durante este mes de outubro impartiranse diversas xornadas sobre a planificación e deseño das plantacións de castiñeiros de froito na comunidade galega. A iniciativa, promovida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración co Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, está dirixida a propietarios de terreos con castiñeiros ou a persoas interesadas en plantalos.

“Nas xornadas os asistentes aprenderán a planificar as súas plantacións, coñecendo as distintas variedades, polinizadores ou condicións do solo, así como consellos para o coidado dos castiñeiros, para a súa rega efectiva, para a fertilización ou para facer enxertos. Tamén se lles falará de repoboación, apuntando como se prepara o terreo, técnicas de roza ou de replanteo e de peches perimetrais para as parcelas”, tal e como adianta a Consellería do Medio Rural.

Polo de agora, xa se levaron a cabo tres sesións nos concellos lucenses de Samos e Bóveda e no ourensán de Vilardevós. Neste mes teñen previsto celebrarse a partir do 20 de outubro nos seguintes municipios:

DATA                  CONCELLO                      HORARIO
20.10.2020      O Bolo (Ourense)               17h – 21h
23.10.2020      Folgoso do Courel (Lugo)  10h – 14h
26.10.2020      Lalín (Pontevedra)              11h – 15h
27.10.2020      Palas de Rei (Lugo)            17h – 21h
28.10.2020      Chantada (Lugo)                 10h – 14h
30.10.2020      Mondariz (Pontevedra)       18h – 22h

 

Todos os interesados que desexen participar nestas xornadas formativas deberán remitir un correo electrónico ao enderezo de info@castanadegalicia.org.

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural.

Deste xeito, búscase “mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio”, tal e como indica Medio Rural.

Artigos relacionados

Back to top button