PolíticaÚltima hora

Xosé Miguel Pérez, candidato pola lista independente RIO á alcaldía de San Xoán de Río

É a primeira vez que este enxeñeiro de telecomunicacións de 33 anos encabeza unha lista nunhas municipais e asegura que “simplemente imos prometer traballo, honradez, honestidade, humildade e sentido común pola nosa parte”
O cabeza de lista de RIO, Xosé Miguel Pérez Blecua./ Foto cedida.

 

Garantir os mellores servizos posibles para os habitantes de Río e intentar fixar poboación neste municipio. Son os dous piares principais do proxecto político co que a Agrupación de Electores de San Xoán de Río (RIO) concurrirá ás vindeiras eleccións municipais de maio neste concello. Así o destaca o seu cabeza de lista e candidato á alcaldía, Xosé Miguel Pérez Blecua.

“Nós non imos vender fume, nin a prometer proxectos irrealizables. Simplemente imos prometer traballo, honradez, honestidade, humildade e sentido común pola nosa parte”, asegura este mozo de 33 anos anos, enxeñeiro técnico de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e fundador e presidente da Asociación Cultural RíoMola, así como fundador e expresidente da Asociación Xuvenil Río. Esta será a primeira vez que encabece unha lista, pero xa ten experiencia como concelleiro nun goberno municipal posto que foi edil de Cultura, Deporte e Benestar Social na lexislatura 2007/2011 polo BNG.

Nesta nova andaina que inicia á fronte dunha candidatura independente está respalado por un grupo de traballo de 30 persoas. “Contamos, por unha banda, con moitísima xente xove que incorpora ao noso proxecto novas ideas, ilusión e alegría para traballar por Río e, pola outra banda, xente maior descontenta coa deriva política local, que nos aportará experiencia e seriedade”, comenta Xosé Miguel Pérez Blecua.

Ademais comenta que nestes “intres estamos preparando a lista electoral, na que soó podemos participar 7 candidatos e 10 suplentes, para conseguir unha lista compensada territorialmente (temos 9 parroquias), paritaria, e misturando xuventude e experiencia da maneira óptima para presentar unha candidatura coa que gañar nas eleccións municipais e gobernar San Xoán de Río os vindeiros catro anos”.

Artigos relacionados

Back to top button