OurenseÚltima hora

A Xunta anuncia en Ourense a inversión de 1,3 millóns de euros para previr o xabaril

O plan artéllase ao redor de catro ámbitos: accidentes de tráfico, danos na agricultura, xestión e aproveitamento da especie e educación e formación
A iniciativa foi presentada esta mañá en Ourense, polas conselleiras de Medio Rural e Infraestruturas e a directora xeral de Agricultura e Gandaría.
A iniciativa foi presentada esta mañá en Ourense, polas conselleiras de Medio Rural e Infraestruturas e a directora xeral de Agricultura e Gandaría.

A Xunta destinará 1,3 millóns de euros para previr e minimizar os danos ocasionados polo xabaril. A iniciativa foi presentada esta mañá na cidade de Ourense, como capital dunha das provincias máis afectadas polas desfeitas deste animal. O obxectivo que se persigue con este plan é minimizar eses danos, ao tempo que se preserva a especie.

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, xunto coa titular de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, foron as encargadas de presentar a novidade na mañá de hoxe, 13 de xuño.

Catro serán os eixos sobre os que xirarán as estratexias a trazar neste plan global: accidentes de tráfico; danos ocasionados na agricultura; xestión e aproveitamento da especie; e educación e formación. Dende o goberno autonómico, sinalaron que se trata dun “animal importante para o medio natural” á par que se mostraron conscientes de que “ás veces provoca danos que afectan principalmente aos agricultores e ao tráfico rodado”, dixo Mato.

Polo tanto, a administración da comunidade busca pór remedio a estes contratempos ao mesmo tempo que buscan a conservación dunha especie animal. A inversión de 1,3 millóns servirá para impulsar “por vez primeira” un “plan de acción transversal” no que tamén colaborou o Ministerio de Fomento, a Dirección Xeral de Tráfico, a Garda Civil de Tráfico e a Federación Galega de Caza.

Entre as medidas que salientaron as representantes do goberno da Xunta destacan accións como o reforzo da sinalización nas vías convencionais e nas estradas con accesos controlados, coa instalación de pasos de fauna ou a utilización de repelentes ou atraentes para conducir aos animais cara pasos habilitados.

Por outra banda, tamén se explicou que a Xunta está a probar unha medida pioneira consistente na colocación de captafaros reflectores. A idea é recoller a luz do vehículo, transformándoa en destelos que inmobilicen a fauna antes de cruzar a vía.

Así mesmo, estúdase a posibilidade de incorporar na APP da DXT a identificación das zonas de maior concentración de accidentes por animais para que os condutores teñan información en tempo real. Estas medidas está previsto que se poñan en marcha de xeito inmediato, coa convocatoria este mesmo mes de dúas liñas de axudas que consignan 850.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button