
A Xunta de Galicia vén de emitir o informe de Impacto Ambiental da nova Estación Intermodal de Ourense. En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, 23 de outubro, a resolución pola que se formula o informe relativo a este proxecto e no que se conclúe que non será necesario sometelo a avaliación de impacto ambiental ordinaria, “dado que non é previsible que xere efectos significativos sobre o medio ambiente”, apuntan fontes do Goberno galego.
Non obstante, na resolución tamén se indican unha serie de medidas e condicionantes ambientais, que en relación co medio hídrico, se centran na elaboración dunha cartografía describindo a rede de drenaxe proxectada e os sistemas de control e depuración previstos; “en ningún caso aceites, combustibles e cementos se verterán directamente ao terreo ou aos cursos de auga”, reiteran na Xunta.
Tamén será necesario dispoñer de habias perimetrais debidamente dimensionadas que conduzan as augas interceptadas ata ás correspondentes instalacións de depuración e deberase garantir a existencia de recursos hídricos suficientes para satisfacer a previsión de novas chamadas xeradas polo proxecto.
En relación cos residuos, queda prohibida a queima de restos ou calquera outro material durante as fases de construción; e serán xestionados conforme á lexislación vixente de aplicación, primando a reciclaxe e reemprego fronte á eliminación de vertedoiro.
No referente á atmosfera, estableceranse as medidas necesarias para que os niveis de presión sonora cumpran coa lexislación vixente e as ordenanzas municipais. Por último, en relación coa enerxía, na resolución que publica hoxe o DOG indícase que “se promoverá a instalación de sistemas de enerxías renovables para o abastecemento do alumeado público e a sinalización, como luminarias “led”, bombas de calor… e a dimensión do alumeado asegurará un nivel de iluminación axeitado en base ás necesidades de cada zona, tento en conta as actividades que se desenvolvan (zonas de tráfico rodado, parques, zonas peonís…) evitando excesivos niveis lumínicos e a emisión de luz directa cara o ceo”.
Paralelamente á emisión do informe ambiental, a Xunta continúa a avanzar na tramitación urbanística do proxecto conxunto da estación intermodal de Ourense, que comprende a reforma da terminal de ferrocarril, a nova estación de autobuses integrada na parcela, un aparcadoiro subterráneo e a pasarela de conexión entre barrios e entre terminais.
Dende o Goberno autonómico din que actualmente estanse a incorporar ao proxecto as modificacións resultantes do proceso de información pública ao que foi sometido, mentres a Xunta, o Ministerio de Fomento e o Adif ultiman o convenio necesario para a construción do aparcadoiro.
O obxectivo do Goberno galego, aseguran, é acadar o antes posible a aprobación urbanística do proxecto coa fin de poder licitar a primeira fase das obras, que se prevén iniciar o vindeiro ano. Con ese fin, os Orzamentos da Xunta para 2018 destinan unha partida de 2,7 millóns de euros.



