PolíticaÚltima hora

Presenza valdeorresa na proclamación de Ana Pontón como candidata do BNG á presidencia da Xunta

"Unha presidenta coas mans libres e un proxecto común de País, pensado desde nós e para nos, é a combinación perfecta para poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e que merecemos”, dicía no acto a líder nacionalista

Ana Pontón, vén de ser proclamada esta mañá candidata á presidencia da Xunta polo BNG nun acto multitudinario en Compostela, cargado de entusiasmo, no que a voceira nacional desta formación convocaba á cidadanía a facer historia para ter unha “presidenta coas mans libres: A min ninguén desde Madrid me vai poñer límites á hora de defender Galiza”. Entre os asistentes non faltaban representantes da formación de diferentes puntos da provincia de Ourense, entre eles de Valdeorras.

Pontón adiantaba que esta non será unha campaña máis porque estamos ante as eleccións máis importantes das última décadas cun BNG “convertido na alternativa real ao PP, preparado para o goberno galego. É agora”, sintetizou, dirixíndose a todas as persoas que queren cambio.

 

 

“Ser a candidata do BNG á presidencia da Xunta é unha honra e unha enorme responsabilidade, e quero dicirlles a todas as persoas que queren cambio que son a súa candidata, non importa o que votaran noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”, explicou. Pontón incidiu en ser a candidata “desa maioría que sabe que o futuro pode ser mellor se confiamos nas nosas propias forzas, porque o futuro gáñase desde o amor e desde a confianza no que somos, como País e como pobo”.

Neste sentido, Pontón convidou a botar a vista atrás, ós corenta anos de democracia con seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais. “Pensades que nos foi ben, que colocaron a Galiza no lugar que lle corresponde?”, interpelou, para concluír que urxe abrir un tempo novo.

“Humildemente, penso que Galiza vai saír ganando, que lle vai ir moito mellor cunha presidenta do BNG, e por iso pídolle ós e ás galegas que me dean a oportunidade de demostralo, de demostrarlles que podemos facelo mellor. Unha presidenta coas mans libres e un proxecto común de País, pensado desde nós e para nos, é a combinación perfecta para poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e que merecemos”, argumentou.

 

 

Pontón rememorou o acto no que foi proclamada candidata hai catro anos para prognosticar que o Bloque liderará o próximo goberno: “Naquel momento tiña algo máis de barriga e compartinvos a sensación de que a miña filla tiña presa por nacer e que non sería o único novo que nacería nese ano. Ao día seguinte rompín augas e naceu Icía e ese 2020 trouxo a semente do cambio cun BNG que pasou de seis a dezanove escanos. Hoxe dígovos que 2024 será o ano no que naza un novo goberno liderado polo BNG”, proclamou.

Pontón ironizou insistindo en que non pretendía ir de adiviña pero advertindo que até a cita coas urnas ían multiplicarse as voces interesadas en negar calquera posibilidade de cambio. “A eses predicadores do non imos dicirlles coa cabeza alta e cun sorriso na boca que se equivocan, que o seu tempo pasou, que hai unha Galiza que vai deixar atrás o tempo da resignación e do pesimismo, que a esperanza derrotará ao inmobilismo, a confianza triunfará sobre a resignación, así que a por todas, imos facer historia”, proclamou, ao tempo que apelaba a unha mobilización masiva e a non dar nada por feito.

 

 

Tarefa colectiva

“Non será fácil e sería un erro tremendo dalo por feito, ao contrario, temos que mobilizarnos, falar con todo o mundo, coa man tendida; temos que entusiasmar, convencer, animar e alimentar esa corrente de cambio imparable”, apelou, subliñando que poñer en marcha un tempo novo liderando o próximo goberno da Xunta é unha “tarefa colectiva”.

Pontón incidía en que “Galiza non pode seguir cara atrás nin un minuto máis, ten que empezar a avanzar porque está en xogo a sanidade, a atención ás persoas maiores, o futuro da xente moza, sacar adiante os sectores produtivos ou preservar o territorio, citou Pontón, nun momento en que hai que afrontar grandes retos cunha crise con múltiples caras, a climática e ambiental, a social, a de prezos. Así de importante é todo o que está en xogo”, recalcou.

 

 

A intervención da candidata pechou un acto conducido pola presentadora Beatriz Campos, que abriu a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e na que tamén tomaron a palabra militantes e simpatizantes como Mercedes Veites, emprendedora do téxtil desde o rural, Miguel López, médico, Rocío Barreiro, do sector da ciencia, Fran Quiroga, do ámbito da cultura e Beatriz Fernández, traballadora de DomusVi. “Voces da Galiza real que expresaron o seu desexo dun cambio da man do BNG”, dicían.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button