“É absolutamente impresentable que nos orzamentos da Xunta haxa apenas medio millón para un hospital do Barco que precisa reforzos materiais e humanos, que non haxa propostas para a restauración medioambiental, que non haxa propostas industriais pese ao liderado da comarca e que non se aborden problemas estruturais como os das infraestruturas viarias”. Era a valoración que facía esta mañá no Barco a deputada do BNG, Noa Presas, dos orzamentos galegos do ano 2024. Interviña nunha rolda de prensa, xunto a María Albert, alcaldesa da Rúa; Suso Vilasánchez, voceiro do grupo municipal do BNG no Barco; e Roberto Quiroga, responsable comarcal de Valdeorras para avanza as propostas do BNG “para corrixir a discriminación de Valdeorras” neses orzamentos.
Así, a deputada nacionalista presentaba unha batería de emendas coas que conqueri “a fin da discriminación de Valdeorras nos orzamentos do PP na Xunta, empezando por blindar o dereito a unha sanidade pública de primeira, cunha dotación de persoal, atendendo especialmente a mellora de HADO, a dotación de persoal de radioloxía e a aposta por unha unidade de pneumoloxía e psilicose e mellorar a atención das urxencias cunha nova ambulancia de soporte vital avanzado”.
Presas engadía que é necesario apostar pola reparación ambiental como motor económico. “Apostamos por un ambicioso plan de recuperación das zonas queimadas, pois a día de hoxe Valdeorras aínda non foi reparada polos danos dos graves incendios de 2022. E preciso ademais investir en prevención, executando franxas de cortalumes verde e incorporando pastoreo. Apostando tamén por desenvolver o potencial da Serra da Enciña da Lastra. E polo saneamento dos ríos Sil e Casoio.”
Desde o BNG tamén presentaban emendas para cumprir coas “demandas históricas no ámbito das infraestruturas”. Nelas piden que a Xunta aposte por “despregar adecuadamente a cobertura de banda larga e 5G acabando coas zonas escuras. E comprometer máis investimento para para a mellora da OU-533”.
Estas emendas trasladan as demandas da sociedade valdeorresa que recolleron Suso Vilasánchez, concelleiro no Barco, e o grupo municipal e tamén María Albert, alcaldesa da Rúa e o seu equipo coordinados por Roberto Quiroga, responsable comarcal.
Preocupación ante a última hora de Irosa-Samaca
Ante a última hora coñecida na tarde do mércores de que previsiblemente se consume mañá mércores 29 de novembro o desafiuzamento da empresa, o BNG expresaba a súa preocupación e comparte “a inquedanza dos traballadores cando inicialmente se informara de que co acordo non se celebraría”. Noa Presas lamenta que neste conflito “a Xunta estivese ausente e se negase a impulsar unha mesa de traballo, pois o papel mediador da administración galega sería agora unha garantía que non temos e agarda que finalmente haxa unha solución e se manteña a actividade, pois sería demoledor para o conxunto da comarca o contrario”.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.