OurenseÚltima hora

A Xunta mellora a seguridade peonil na comarca ourensá con 12 sendas

Esta actuación conta cun investimento de máis de 2,6 millóns de euros
Visita de Marisol Díaz á senda de Freixendo (Toén).

A segunda fase do Plan de Sendas de Galicia inclúe a construción de 12 sendas peonís e ciclistas na comarca de Ourense, que se prevé poidan estar licitadas o ano que vén. Así o adiantou hoxe, 19 de xullo, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, na súa visita á senda peonil executada na estrada OU-402, en Freixendo, no concello de Toén, ao abeiro deste plan.

Díaz Mouteira explicou que a Xunta “agarda que os primeiros proxectos estean redactados a finais deste ano ou principios do vindeiro”, de xeito que se poida iniciar en 2018 a licitación dos contratos das obras, que serán cofinanciadas con Fondos FEDER 14/20.

En total, as futuras sendas sumarán 16 quilómetros e contarán cun investimento de máis de 2,6 millóns de euros. Os concellos da comarca de Ourense que se beneficiarán destas obras son o da capital, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Esgos e Paderne de Allariz.

Marisol Díaz, xunto ao alcalde de Toén, Amando Cid, e a xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Alicia López, supervisaron as obras da actuación na estrada OU-402 proxectada na primeira fase do Plan de sendas de Galicia, ao seu paso polo núcleo de Freixendo pertencente ao concello de Toén.

Ata a execución do proxecto as súas beiravías eran escasas e a circulación dos peóns e ciclistas supuña un problemas de seguridade viaria. En total, acondicionouse case medio quilómetro da cuneta existente na marxe esquerda desta estrada cun investimento de 105.700 euros.

Con estas actuacións, a Xunta busca “protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas”, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Dende a Xunta aseguran que traballan para reforzar a seguridade das estradas, unha materia que declaran absolutamente prioritaria para o Executivo autonómico, porque se trata da vida e da integridade das persoas.

O Goberno galego reitera que as sendas tamén promoven unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro, promovendo sendas útiles e saudables.

Artigos relacionados

Back to top button