PolíticaÚltima hora

A Xunta podería botarse atrás coa Intermodal se hai novos problemas

Jesús Vázquez fixo balance dos seus dous anos á fronte do Concello nun almorzo informativo e a oposición tamén fixo o propio
Jesús Vázquez dixo que o que lle queda pendente é o PXOM e os orzamentos. // Foto: Carlos Asensio.

Exactamente hoxe, martes 13 de xuño, o Goberno Municipal do Partido Popular cumpre dous anos de lexislatura. O equipo liderado por Jesús Vázquez traspasa a liña do Ecuador do seu mandato e o rexedor municipal asegurou que neste tempo “nós o que fixemos é traballar, e traballar con ilusión en diferentes proxectos”, así o reiterou durante un almorzo informativo coa prensa esta mañá.

Para Vázquez o seu maior logro durante todo este tempo “foi o AVE”, concretamente o desbloqueo da Estación Intermodal: “cando chegamos a este Goberno, a decisión do Ministerio pasaba por conservar a Estación de Ferrocarril onde está e deixar a de autobuses no mesmo sitio, xa que había intermodalidade posto que estaba unha moi próxima á outra”, explicou. Iso foi, segundo Vázquez, o que “houbo que desbloquear”, o rexedor salientou que o diálogo con Fomento “estaba practicamente roto”, pero advertiu: “hai unha administración que está a facer unha aposta grande por Ourense, e máis dunha ocasión me teñen trasladado que como xurda algún problema máis, o proxecto da Estación Intermodal vai fóra. E eles pagan, e dixéronme que non ían volver consentir ser tratados como antano”, aseverou con franqueza. Foi difícil sacarlle ao Alcalde cal era esa administración en concreto, pero finalmente respondeu: “é a Xunta”.

Vázquez explicou que o Goberno galego “ten que pagar expropiacións e indemnizacións ás empresas que aí están” e isto é en Ourense no único lugar onde vai suceder “xa que noutras cidades é o Concello o que asume ese pago”, explicou.

En canto ás “espiñas” que lle quedaron durante estes 24 meses, Jesús Vázquez salientou os orzamentos, cuxo borrador está nestes momentos en período de intervención e o PXOM que cre “que estará listo para xullo o novo texto. Así é todo, Vázquez foi crítico coa oposición e acusoulles de ser “desleais cos cidadáns” ao querer ver paralizados os proxectos da capital.

A oposición pide a dimisión

Tras este compendio de logros e fallas do Goberno Municipal, a oposición no quedou calada. Como era de esperar, os diferentes grupos tamén fixeron o seu traballo e elaboraron un repaso por estes dous anos de lexislatura. O voceiro do PSdeG-PSOE, José Ángel Vázquez Barquero, cualificou o goberno do PP como “o peor da historia da democracia recente”. Para Barquero “non hai área (referíndose ás concellerías) que se salve” posto que, asegurou, están a levar unha xestión “lamentable”. Por este motivo, o voceiro dos socialistas pediu hoxe, en rolda de prensa, a dimisión de 7 dos 10 concelleiros que conforman o equipo de Vázquez. Entre os que se salvan estarían: Jorge Pumar, Mario Guede e Carlos Campo, aínda que “necesitan mellorar”. Con todo, Barquero reiterou que a peor nota é “para o alcalde”, xa que o acusou de “claudicador” ante as institucións que gobernan os membros do seu partido (PP).

Para Barquero, o período de goberno de Jesús Vázquez caracterízase pola “parálise dos proxectos clave como son o Bulevar Termal, a variante exterior do AVE, o PXOM e a Estación Intermodal”.

Pola súa banda, o principal partido da oposición, Democracia Ourensana, en boca do seu voceiro, Gonzalo Pérez Jácome, cualificaron a este alcalde de “indolente e procrastinador”. Para Jácome a nota que leva Vázquez “nestes 730 días de Goberno” dixo, “é un cero”. Jácome argumentou as súas palabra enumerando unha lista de “cousas sen facer” por parte deste alcalde. Entre elas: “PXOM, non arranxar os contedores soterrados, a Relación de Postos de Traballo, non solucionou o tema da Praza de Abastos da Ponte e o traslado da Praza de Abastos da Alameda, non quitou os bolardos, no arranxou a concesión da ORA e da sinalización de tráfico…” e asegurou que “non conseguiu, como prometera, inversións de calado por parte da Xunta”. Asemade, recalcou que “perdeu subvencións, el e o seu equipo, como a do Pavillón dos Remedios ou o proxecto europeo”. Pérez Jácome reiterou que “en dous anos non se poden facer menos cousas”. Por este motivo, “seguimos pedindo a dimisión, como xa o viñemos facendo en reiteradas ocasións, do alcalde de Ourense”.

Finalmente, o representante da terceira forza na Cámara Municipal, Martiño Xosé Vázquez (Ourense en Común), asegurou que dende o seu grupo fan unha valoración do Goberno do PP en Ourense e do alcalde, Jesús Vázquez, “moi negativa”. Para Xosé Vázquez, as palabras que definen estes dous anos do PP ao fronte da capital son “desgoberno, parálise, inacción, espectáculo de fume”. En canto ao alcalde definiuno como “alcalde selfie” porque, argumentou, “é un mal xestor pero un moi bo relacións públicas, está aí onde hai unha fotografía, pero non está cando hai que aprobar un PXOM ou unha Relación de Postos de Traballo”, asegurou con franqueza.

O voceiro de OUeC asegurou que onde verdadeiramente se goberna a cidade “é dende o despacho do presidente da Deputación”. Asemade, reiterou que para quen se está a gobernar non é para os cidadáns de Ourense, senón para unha minoría: “só hai que fixarse nas modificacións que fixo o señor Cudeiro no PXOM”, dixo. Estas modificacións, asegurou, “están dedicadas á especulación en terreos de persoas con nomes e apelidos concretos e non para o interese da veciñanza”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button