Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

As Xuventudes Socialistas do Barco promoven unha campaña solidaria de material escolar

Ten como lema “Nin un estoxo baleiro” e estará aberta ata o inicio do curso en Valdeorras

Que ningún rapaz teña carencias no inicio do novo curso escolar. Este é o obxectivo da campaña solidaria de recollida de material escolar que vén de presentar a agrupación de Xuventudes Socialistas (XSG) do Barco na mañá do 18 de agosto. “Cremos que é necesaria esta campaña porque as políticas da Xunta de Galicia non son dabondo para as familias que non teñen recursos suficientes para comprarlle material escolar para os seus fillos/as. A nosa idea é a de utilizar estes caixóns cos cartaces da campaña Nin estoxo baleiro“, sinalaba Adrián Borrajo,secretario xeral de XSG O Barco.

As caixas da campaña vanse depositar a partires da tarde do 18 de agosto en librerías e outros establecementos de venda de material escolar do Barco, pero tamén doutros concellos da comarca como A Rúa ou Vilamartín. Estarán neles ata o comezo do curso escolar, momento no que se levarán aos diferentes centros escolares públicos do Barco, A Rúa e Vilamartín, para que dende eles se distribúa o material.

Xunto a Borrajo, na rolda de prensa interviñan Jesús Corredera, resposable de Educación, Cultura e Deporte das XSG O Barco; e Alejandro Fernández, coordinador Comarcal das XSG Valdeorras. Os tres animaron á sociedade valdeorresa a sumarse á campaña, na que máis que libros, se pretende recoller diverso material como bolígrafos, lápices ou libretas, entre outro.

No inicio da campaña XSG ten previsto repartir uns folletos informativos sobre a mesma indicando asemade os establecementos de recollida de material. “Incluso valoramos ampliar o prazo de recollida, en función de como vaia o inicio do curso escolar”, adiantan.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Cartaz da campaña das Xuventudes Socialistas do Barco.
Cartaz da campaña das Xuventudes Socialistas do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button