
O secretario xeral das Xunventudes Socialistas de Galicia (XSG), Aitor Bouza, e o coordinador provincial, Adrián Borrajo, presentaron esta mañá en Ourense a campaña “Desfacendo Ourense”, unha iniciativa que trata de dar a coñecer os aspectos que eles cren negativos do goberno do PP na Xunta e na Deputación. Así, pediron o voto “polo cambio”, tras valorar que as políticas para a mocidade foron “practicamente inexistentes”, e como solución para desbancar ao que consideran un “matrimonio de conveniencia” entre Baltar e Feijóo.
O acto tivo lugar na rúa Bedoya no cruce con Buenos Aires, fronte ao hotel San Francisco II. Trátase dun lugar “simbólico”, segundo Borrajo, “para as políticas da Deputación de Ourense”. Deste xeito, o socialista criticou a “corrupción e o caciquismo” da xestión “absolutista do noso presidente” e entende que “estes individuos presumen de ourensanía pero non fan nada polos ourensáns”.
“O plan de bolsas Líder, que consiste en enviar a seis afortunados a EEUU a traballar alí, custa máis de 100.ooo euros que nós pensamos que poden ser empregados noutras propostas”, expuxo Borrajo. Unha teoría que complementa coa “inversión cero” que, baixo o seu punto de vista, deixou a misión comercial con empresarios estadounidenses na provincia.