O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá, 10 de maio, a presentación da XV edición da romaría etnográfica Romaxe de Celanova, un evento que brinda homenaxe aos segadores galegos que viaxaban a Castela. A festa, catalogada como de interese turístico de Galicia, celebrarase en Vilanova dos Infantes (Celanova) o vindeiro 17 de maio.
En palabras do presidente da entidade provincial, Manuel Baltar, este evento “pon en valor as nosas tradicións, consolidando a nosa aposta pola cultura propia”. Dixo ademais que se trata do evento etnográfico “máis importante que ten lugar na provincia de Ourense, vencellado ás nosas letras e ás nosas tradicións”.
Pola súa banda, o alcalde do municipio celanovés, José Luis Ferro, explicou que “queremos que Raigame sexa un escaparate do proxecto de dinamización do burgo medieval de Vilanova”, e destacou que durante toda a xornada de celebración haberá un autobús dos anos 50 que trasladará gratuitamente aos visitantes de Celanova a Vilanova.
No acto de presentación tamén estiveron presentes a directora do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Mariló Fernández, e o técnico de Cultura do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro.
En canto ao programa, o que se desvelou durante a presentación é que as actividades que se desenvolverán irán en consonancia coa homenaxe dos segadores galegos. Así, haberá exposicións de ferramentas e maquinaria, fotografías, pases de documentais e, como novidade, a celebración dun simposio para afondar na temática da seitura.
Tamén haberá espazo para o eido cultural. Así, participarán grupos de música, teatro e baile e os tradicionais postos de artesanía e gastronomía. Como en edicións anteriores, a festa contará cun concurso de fotografía e coa entrega do Premio “Adolfo Enríquez”, que este ano recae en Clodio González, membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e investigador da etnografía galega.
O rexedor municipal tamén adiantou que no castelo se exhibirá ao público a réplica da Virxe do Cristal, doada por Manuel Granai, xunto cunha exposición con imaxes dos danzantes, da Banda de Música, da procesión da Virxe do Cristal do 15 de setembro, e do poema da Virxe, recitado por 71 centros escolares.