EconomíaEconomíaViticultura

XXIII Feira da Rosca e II Túnel do Viño Amandi en Sober, os días 11 e 12 de agosto

No túnel participarán máis de 30 adegas das subzonas de Amandi e Sober e poderán catarse máis de 50 referencias
Rolda de prensa de presentación destes dous eventos./ Foto Concello de Sober.

 

Os días 11 e 12 de agosto Sober acollerá a XXIII Feira da Rosca, o mel e outros produtos da Ribeira Sacra. Está promovida polo Concello de Sober e nela van participar un total de 16 postos: 3 rosqueiros, 2 oleiros de Gundivós, 2 produtores de mel, 4 artesáns, 3 queixerías e 2 produtores artesanais de castaña e derivados.

A festa comeza o sábado ás 19:30 horas no salón de actos do Centro Sociocultural cun showcooking a cargo de Carlos Javier González, chef do Restaurante Merenzou baixo o nome ‘A rosca de Sober no restaurante’. Ás 21:00 horas farase a apertura dos postos e ás 22:00 actuará o grupo ‘Vai en concerto’. Ás 23:00 horas terá lugar unha degustación gratuíta de rosca con licor café e mel.

O domingo ás 10:00 horas haberá un disparo de bombas de palenque e ás 10:15 abrirán os postos da feira. Ás 10:30 horas haberá unha demostración de cestaría en vivo coa que colabora o CENTRAD da Deputación de Lugo.

Ás 12:00 horas haberá un espectáculo de teatro de rúa: ‘Duncan de Palleiro’. Ás 12:30 haberá unha actuación do grupo de música tradicional ‘Os Valuros’ e ás 13:00 horas será a quenda da degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo. Ás 13:30, de novo unha actuación do grupo de música tradicional ‘Os Valuros’.

 

Segundo Túnel do Viño

Aproveitando a celebración da XXIII Feira da Rosca o Concello de Sober e Vinosacra.es organizan o Segundo Túnel do Viño Amandi, un evento no que degustar os viños da subzona de Amandi e Sober. O túnel será inaugurado o sábado ás 11:30 horas.

Haberá máis de 30 adegas que participaron con máis de 50 referencias. Unha oportunidade única de coñecer os viños de Amandi e Sober da man de sumilleres profesionais.

A carpa do túnel do viño estará aberta o sábado en horario de 11:30 a 14:30 e de 17:00 a 19:30 horas e o domingo de 11:30 a 14:30 horas. Na cita, organizada polo Concello de Sober e Vinosacra.es, colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, Artesanía de Galicia, Queserías Prado e Torre de Núñez.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, convida “a todos os veciños e veciñas da localidade e dos concellos limítrofes, así como ás persoas que se atopan de vacacións na zona a desfrutar da mellor gastronomía e mellor viño que temos para ofrecer”.

 

Artigos relacionados

Back to top button