EconomíaEconomíaÚltima hora

A XXVI Festa do Pan de Cea trae un programa con moita miga

O día grande dos festexos será o domingo 2 de xullo, aínda que o sábado día 1 arrancarán coa IV Ruta dos Fornos
Carlos Parra, Manuel Baltar e José Luís Valladares. // Foto: Carlos Asensio.

Os fornos do Pan de Cea xa están quentes e listos para celebrar a XXVI Festa de Exaltación do Pan de Cea, que terá no domingo 2 de xullo a súa xornada grande. Un pan con identidade xa que ten a Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

Na presentación de hoxe, 29 de marzo, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, fixo unha alegoría á frase latina “Pane et circenses”, para relacionar os festexos que xiran en torno a este “produto exclusivo, xa que non hai outro que teña estas condicións”, asegurou o xefe do executivo provincial.

Pola súa banda, o presidente da IXP “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez, foi o encargado de debullar o programa destes festexos que ten moita miga: A xornada grande empezará cara ás 10:00 horas con pasarrúas a cargo das charangas. Logo, cara ás doce e media do mediodía, será a lectura do pregón, a cargo de Merchi Rodal e Carlos Parra, reposteira e cociñeiro do afamado programa da TVG, “Larpeiros”.

Tras iso, como marca a tradición, farase “unha sentida homenaxe”, dixo o Presidente da IXP, aos panadeiros xubilados de Cea, prevista ás 13:15 horas, que dará paso ao xantar popular. Segundo informou Carlos Parra, está previsto cubrir as 500 prazas dispoñibles.

Xa pola tarde, ofrecerán unha degustación de mexillóns, doados por Amegrove SC, en combinación co produto protagonista desta cita: O pan de Cea. Todo isto amenizado coa música dunha orquestra. Como novidade deste ano, Carlos Parra salientou que haberá unha talla en directo dunha figura de madeira, da man de Marcos Mariño.

A ruta dos fornos ofrecerá pinchos con pan de Cea maridados con viño do Ribeiro. // Fotos: Carlos Asensio.

Pero, aínda que a xornada grande será o domingo, o sábado 1 de xullo poderase gozar a cuarta edición da Ruta dos Forno. Esta actividade, indicou o presidente, “é unha experiencia gastronómica que transcorre por 5 antigos fornos de pan ubicados na vila”. En cada un destes fornos os asistentes poderán degustar pinchos feitos con Pan de Cea “regados con viños do Ribeiro”, indicou Parra.

Pola súa banda, o alcalde da localidade de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares, salientou a calidade do produto asegurando que “cada vez que vou a un sitio levo un Pan de Cea e as cousas saen redondas”, reiterando que igual o acusan de “prevaricación”, dixo con humor.

Actualmente, San Cristovo de Cea conta con 17 fornos. “Perdemos un xa que tivo que pechar por enfermidade”, asegurou o presidente da IXP, Carlos Parra, pero dixo que “en breve incorporarase outro novo forno, polo que volveremos a ter 18”. En canto ás falsificacións do Pan de Cea, Parra reiterou que “se están a corrixir” e asegurou que “son os propios consumidores os que denuncian ao Consello Regulador e nós llo remitimos a Medio Rural e Consumo”, explicou.

Exportación e produción 

O presidente, Carlos Parra, contou que hai fornos que “levan o 90% da súa produción fóra de Galicia”. Ao mesmo tempo informou que a IXP produciu, no que levamos de 2017, 700.000 fogazas de pan.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button