OurenseÚltima hora

XXXIII Festa de Exaltación do Pan de Cea “un símbolo da identidade, excelencia e potencial do rural ourensán”

 

Na xornada deste domingo 5 de xullo celebrábase a XXXIII Festa de Exaltación do Pan de Cea, contando coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen puxo en valor este produto como “un dos mellores emblemas da identidade ourensá” e destacou o seu papel como motor económico, turístico e social para o municipio e para o conxunto da provincia.

Luis Menor subliñou que o Pan de Cea representa a historia, o esforzo, a tradición e o saber facer de xeracións enteiras de familias panadeiras que conseguiron converter un produto artesanal nun “referente de calidade recoñecido dentro e fóra de Galicia”, e trasladou o recoñecemento da institución aos doce fornos integrados na Indicación Xeográfica Protexida, aos que agradeceu o seu compromiso coa excelencia e coa conservación dun oficio centenario.

 

 

O presidente provincial tamén destacou que o éxito deste produto demostra que “o rural ten capacidade para crear riqueza, fixar poboación e competir desde a excelencia, apoiándose na tradición sen renunciar á innovación”. Ademais. fixo referencia ao lema desta edición, “O pan do mar”, sinalando que simboliza “a unión perfecta entre dous dos grandes tesouros de Galicia: os produtos da terra e os produtos do mar”, consolidando o Pan de Cea como un acompañamento imprescindible da gastronomía galega.

A festa, cuxa pregoeira foi a conselleira do Mar, Marta Villaverde, tamén contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado entre outros polo director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles e polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
 
Back to top button