En portadaÚltima horaVídeos

10 servizos turísticos de Valdeorras reciben no Castelo do Bolo o distintivo de ‘Compromiso de Calidade Turística’

O acto estivo presidido polo presidente da Deputación de Ourense Luis Menor e polo director da Axencia de Turismo de Galicia Xosé Manuel Merelles

 

O Castelo do Bolo, un dos distinguidos, acollía na tarde deste mércores 25 de setembro o acto de entrega dos diplomas e placas de ‘Compromiso de Calidade Turística’ aos 10 servizos turísticos do destino Trevinca-Valdeorras, logo de ser aprobados pola Mesa da Calidade do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED).

 

 

O acto, presentado pola xerente do Inorde Emma González era presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, contando coa asistencia do alcalde do municipio, Alberto Vázquez; do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles e de boa parte dos alcaldes da comarca que acudían á estrega destas distincións que dá boa conta do “doce momento” que está a vivir o turismo provincial e, especialmente, na comarca de Valdeorras. Circunstancia que, como dixo o presidente provincial, débese aos seus infinitos recursos pero, sobre todo, aos profesionais do sector que “facedes única e xenuina a experiencia do visitante no noso territorio”.

 

 

O encargado de dar a benvida aos asistentes era o alcalde do Bolo quen daba as grazas aos galardoados polo seu traballo e lembraba que dende a súa entrada no Concello “sempre apostamos polo turismo”. Tamén o director de Turismo de Galici agradeceu ao sector a súa aposta por intensificar a calidade e sustentabiilidade do destino, salientando a importancia desta comarca para diversidicar a oferta turística “que se reforza coa calidade que ofrecen os establecementos e servizos dos distintos concellos da zona”.

Merelles lembrou que nestes momentos hai máis de 1.400 establecementos co distintivo SICTED, algo que reforza tamén a imaxe de Galicia como destino. Tamén destacou a aposta do Goberno autonómico para reforzar a calidade e sustentabildiade turística cun investimento de máis de 500.000 euros durante este ano ao abeiro da nova folla de ruta en marcha este ano. Referiuse, en concreto, ao novo Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística da Xunta para consolidar o liderado de Galicia en materia de certificación de calidade e sostibilidade turística. O obxectivo global será acadar este ano 140 novas marcas Q de Calidade e S de Sostibilidade turística tanto en empresas como en servizos públicos e promover que un maior número de destinos se adhiran ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).

 

 

“Turismo de Galicia seguirá apoiando os Destinos SICTED, a través dos xeodestinos así como dos diferentes Plans de Sostibilidade Turística en Destino que se están desenvolvendo no marco dos fondos europeos Next Generation”, explicou. Tamén recordou a aposta da Xunta por apoiar no sector no ámbito da calidade, continuando co asesoramento ás empresas e incrementou este ano un 23% a contía das axudas anuais para apoiar a establecementos e servizos turísticos de xestión pública ou privada nos procesos de certificación.

 

 

Pechando o turno de intervencións, o presidente provincial puxo en valor o poder do turismo como “ferramenta para afrontar o reto demográfico e xerar oportunidades no rural”. Un turismo que, para o presidente da Deputación de Ourense, debe pasar pola sustentabilidade, a calidade e a interacción respectuosa do visitante co territorio.

 

 

Con esta primeira entrega de placas e diplomas, o destino Trevinca-Valdeorras, coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, pasa a formar parte do Sistema Integral de Calidade Turística implantado en toda España coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e o soporte da Deputación, a través do Inorde, que é o ente xestor deste xeodestino. Este compromiso coa Calidade Turística do destino Trevinca-Valdeorras garántese coa implicación de todos os servizos turísticos públicos e privados que atenden a aqueles que visitan este territorio. A entrega das distincións de hoxe “dá visibilidade a ese traballo e esforzo que amosades durante todo ano”, salientou Luis Menor.

 

 

Neste sentido, o presidente provincial felicitou aos servizos turísticos distinguidos por acadar este recoñecemento e ser pioneiros nesta comarca nesta distinción. Así mesmo, animounos a continuar traballando pola calidade do destino e ao resto de empresas que operan no xeodestino a que se sumen a este Compromiso de Calidade Turística.

 

 

O propio presidente da Deputación e o director da Axencia de Turismo de Galicia eran os encargados de entregar os diplomas e os disitintivos. No concello da Veiga: Eido das Estrelas (aloxamento rural), Eido do Trisquel (aloxamento rural) e O Trisquel (aloxamento rural) que recollía Marcos Pérez; Na Rúa, Pacio do Sil (aloxamento rural) que recollía a alcaldesa por indisposición do propietario; No concello do Barco, Bodega Roandi en pleno Camiño de Inverno en Éntoma, que recollía a xerente Margarita Alejandre; Hotel Pazo do Castro que tamén adheriu o restaurante, que recollía Monterrat Rodríguez; en Carballeda de Valdeorras o Hotel Pena Trevinca de titularidade municipal e concesionado que recollía Beatriz Anta; o Castelo do Bolo, que recollía a técnica de Turismo Soledad Figueroa; e a empresa Terras Altas de Trevinca que recollía Juanjo.

 

 

Durante o acto o apartado musical corría a cargo do cantautor valdeorrés natural de Casaio, Sito Fernández que interpretou tres temas.

Fotos e vídeos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button