O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación dos 87 proxectos beneficiarios da liña de subvencións habilitada por Turismo de Galicia para a mellora paisaxística e embelecemento dos bens e recursos situados no Camiño de Santiago.
O obxectivo desta esta liña de actuacións é “levar adiante actuacións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na Ruta Xacobea así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado que permitan ofrecera a mellor imaxe do Camiño de Santiago, especialmente de cara a celebración deste Ano Xacobeo bianual”, explican dende a Xunta. As actuacións que recolle esta liña de axudas supoñen unha mobilización de recursos de máis de 1.4 millóns de euros dos que Turismo de Galicia achega o 75% do orzamento, preto de 1 millón de euros.
Nesta edición un total de 31 concellos galegos e 56 particulares son beneficiarios con actuacións nos diferentes itinerarios do Camiño (entre eles a Vía da Prata e o Camiño de Inverno) e nas catro provincias galegas. Por distribución xeográfica, Ourense conta con 11 actuacións beneficiarias, entre concellos e titulares de bens mobles o inmobles, recursos ou elementos situados no trazado xacobeo. Lugo conta con 31 proxectos concedidos, seguida de A Coruña con 24 e Pontevedra, con 23 proxectos.
Entre as actuacións que se posibilitan grazas a esta liña cóntanse a mellora e humanización de áreas de descanso, zonas verdes e mobiliario na contorna do Camiño, acondicionamento de fontes, muíños, hórreos e áreas recreativas así como embelecemento de vivendas, peches, valados, rehabilitación e acondicionamento de cubertas, revestimentos e edificios anexos ás vivendas.
Resolución publicada hoxe no DOG: AnuncioG0256-231220-0001_gl