ConcellosÚltima horaVerín

16 propostas de lecer, cultura e dinamización do comercio local no Nadal de Verín

Vén de presentarse o programa de actividades para este Nadal no municipio

 

Esta mañá, a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza; xunto co xerente e o presidente da Asociación de Empresarios de Verín (AEVER), Xosé Ángel Rodicio e Santos Álvarez, presentaron o programa de actividades para este Nadal. Serán un total de dezaseis ofertas de lecer, cultura e dinamización do comercio local deseñadas para o goce de todos os públicos, que se estenderan desde o venres 9 de decembro ata o martes 7 de xaneiro do 2023.

«Este ano», explicou Emilia Somoza, «preparamos unha serie de variadas propostas deseñadas con moita ilusión para esta época tan especial». A concelleira de Festexos tamén quixo agradecer ás asociacións e aos comerciantes que contribúen «a dinamizar o noso Nadal colaborando na creación desta completa programación que, sen dúbida, supón un claro exemplo de cooperación en beneficio da nosa vila».

Desta forma, Nadal, ocio e cultura únense nunha programación que arrinca este ano coa a súa Feira de Nadal e a primeira marcha solidaria, a inauguración do tradicional Belén da Viruca e tamén co acendido da iluminación da vila, o luns 12 de decembro. «Este ano as rúas de Verín contarán de novo cunha decoración urbana de Nadal moi especial, deseñada especialmente para que a cidadanía poida gozar das súas rúas, do comercio local e da hostalería coa súa familia e amizades», destacou a edil municipal. Como novidade, instalarase tamén o Tren de Nadal de Verín, un vehículo eléctrico infantil con perecorrido circular en vías, que estará na Praza García Barbón de Verín durante todas as festas para o desfrute da cativada.

No faltarán tampouco as presentacións literarias con dous interesantes propostas: a obras «Alejandro Viana. un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos» de Roberto Mero Covas e «Dende a ponte a Monterrei» do verinés Miguel Ángel Prieto Sotelo.

Como e habitual nestas datas terá un papel moi especial na axenda de Nadal a música e as artes escénicas. «Contaremos cun total de seis actuacións de primeiro nivel enfocadas a todos os públicos», salientou Somoza Basalo. Para os máis pequenos da casa O secuestro da Bibliotecaria de Sarabela Teatro; e para un público máis familiar contaremos coas actuacións do Conservatorio de Música de Verín e a representación da obra Sempre nos Quedará Venecia de La Caja de Pandora. «Non sen esquecernos do público máis adulto programando un concerto tributo a Pucho Boedo, da man de José Antonio Alvar & Burgas Big Band”.

 

 

Ofrecerase tamén, como todos os anos, o Servizo de ludoteca “Ludonadal” dirixido a meniños e meniñas, con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, co obxecto de facilitar a conciliación dos pais e nais e proporcionar aos menores un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal.

Sen dúbida, o broche estrela desta edición será a Gran Cabalgata dos Reis Magos. Os nenos e nenas de Verín poderán gozar dunha espectacular comparsa composta por tres magníficas carrozas con animación musical e pasarrúas temáticos na que súas maxestades, os Reis Meigos de oriente, percorrerán as rúas de Verín e, ao rematar, realizarán a tradicional recepción.

Actividades de Dinamización do Comercio Local

Outro dos piares fundamentais da programación de nadal serán as actividades destinadas á dinamización do comercio local organizadas pola Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER), en colaboración co Concello. Segundo explicou o seu xerente, Miguel Ángel Rodicio, «ademais da campaña anual “Os 6.000 de Verín”, organizamos dúas actividades destinadas ao público infantís como son dúas xornadas de divertidos xogos inchables -que encherán de música e cor as rúas de Verín- e tamén recuperamos este ano a nosa tradicional Gala de Nadal de AEVER chea humor, maxia e música».

Artigos relacionados

Back to top button