OurenseÚltima hora

162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrados que ofrecen as Universidades galegas

Os alumnos dos mestrados que imparte o Campus de Ourense son galegos retornados do exterior ou descendentes de galegos

Reunión do secretario xeral da Emigración cos bolseiros do Campus de Ourense.

 

Na mañá deste xoves 29 de abril, o Espazo Xove da Delegación da Xunta en Ourente, acollía un encontro do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, cos bolseiros Beme que están a cursar un mestrado no campus da UVIGO nesta cidade, acompañado do delegado da Xunta, Gabriel Alén. Á reunión asistiron alumnos dos mestrados que imparte o campus da cidade das burgas, que son galegos retornados do exterior ou descendentes de galegos, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Durante o encontro, os alumnos trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrado que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

Tal e como recordou o secretario xeral, nestes intres, e ata mañá, venres 30, mantense aberta a convocatoria para as bolsas do próximo curso, que aumentan das 150 de 2020 ata as 200 para este ano de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da Covid-19. Os beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

 

Artigos relacionados

Back to top button