CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

18.357 alumnos ourensáns de infantil, primaria e educación especial comezarán o curso a vindeira semana

Iniciarase o xoves 10 de setembro de forma gradual debido ao coronavirus

Publicidade

 

O curso 2020/21 comezará en Galicia o xoves 10 de setembro de xeito gradual por mor da pandemia do Covid-19 nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 194.221 alumnos, o que supón un 1,3 % menos ca no curso 2019/20, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar.

Na provincia de Ourense o total de alumnado destes ciclos é de 18.357 escolares, dos que 139 son de educación especial, 5.595 de infantil e 12.623 de primaria, segundo os datos que manexa Educación.

No caso concreto de Educación Infantil e Primaria este curso póñense en marcha 158 unidades máis (grupos de clase), o que leva consigo a incorporación de 240 novos profesores para estas etapas educativas, segundo a consellería.

Na educación secundaria o reforzo concretarase nos próximos días, unha vez se dispoña dos datos de matrícula e dos desdobres que sexa preciso realizar. A esta medida súmanse outras da consellería como a iniciativa ARCO (instrumento de apoio aos centros para a mellora do rendemento académico que complementa os Contratos-Programa), que permitirá aos centros contar con 543 docentes de apoio (221 para Primaria e 322 para ESO) contratados no curso 2020-21.

No que atinxe ás datas concretas do regreso gradual ás aulas, os primeiros en incorporarse o xoves 10 serán os alumnos de 4º curso de Educación Infantil (3 anos) e 5º de Infantil; 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; e Educación Especial. Ao día seguinte, o 11 de setembro, iniciarán o curso escolar os alumnos de 6º de Educación Infantil e os de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Deste xeito, o venres día 11 estarán xa incorporados ás aulas a totalidade do alumnado das etapas de Infantil e Primaria.

Co comezo de curso gradual “búscase facilitarlles a organización aos centros educativos e que a adaptación do alumnado ás novas dinámicas derivadas da aplicación do Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19, como son as entradas e saídas por diferentes accesos ou en quendas, os sentidos únicos nos desprazamentos polas instalacións, o mantemento das distancias ou a hixiene de mans frecuente, entre outras medidas. Cómpre lembrar tamén que o alumnado deberá comprobar diariamente na casa, antes de acudir á escola, se ten algún síntoma compatible coa covid-19 (febre, tose seca, dificultade respiratoria, cansazo…). Diante de aparición algún dos síntomas, debe quedar na casa e a familia solicitará consulta co seu pediatra ou médico”, segundo Educación.

 

Artigos relacionados

Back to top button