CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

18 estudantes de Valdeorras, Viana, Trives e Quiroga, entre os mellores expedientes galegos da ABAU 2021

O acto de recoñecemento da Consellería de Educación tiña lugar hoxe na Universidade de Santiago de Compostela

 

Na xornada deste xoves 24 de xuño tiña lugar a entrega de recoñecementos aos 1.363 estudantes que obtiveron unha cualificación igual ou superior a 9 na parte obrigatoria da ABAU, un acto presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e o reitor da USC, Antonio López, no que Rodríguez destacou que o traballo destes alumnos “demostra que a nosa segue a ser unha Comunidade referente polo seu gran nivel académico no plano nacional”.

Entre eses mellores expedientes académicos galegos deste 2021, 18 realizaron as probas da ABAU no IES Cosme López Rodríguez, na Rúa. 14 estudantes son da comarca de Valdeorras (7 do IES Lauro Olmo do Barco, 6 do IES Martaguisela, tamén do Barco e 1 do IES Cosme López da Rúa); 2 do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives; 1 do IES Carlos Casares de Viana do Bolo; e 1 do IES de Quiroga.

No acto, celebrado na Universidade de Santiago de Compostela e retransmitido por streaming, o titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor a dedicación, compromiso, constancia e excelencia destes alumnos, nun curso que puxo a proba a todo o sistema educativo. “Soubestes estar non xa á altura, senón moi por riba dela”, dixo. “Todos os que estades aquí sodes un orgullo para Galicia –engadiu– e nas vosas mans está facer fronte a un contexto que é difícil, pero para o que probastes estar máis que preparados”.

Román Rodríguez quixo tamén felicitar aos centros educativos que fomentan o talento destes rapaces, especialmente aos seus docentes “o labor de impulso e orientación neste ano tan difícil”; así como ás familias, “transmisoras principais de principios e valores e das bases nas que se cimenta o traballo dos vosos fillos”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button