OurenseÚltima hora

23 espectáculos teatrais de catorce grupos, na 29ª edición da MITEU, en Ourense

A Mostra Internacional de Teatro Universitario desenvolverase entre o 11 de abril e o 9 de maio en diferentes puntos da cidade

 

A 29ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU), un evento senlleiro das artes escénicas ourensás, desenvolverase entre o 11 de abril e o 9 de maio en diferentes puntos da cidade.

A presentación tiña lugar no Teatro Principal da Deputación coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, acompañado polo director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez.

Na súa intervención, César Fernández dixo que as institucións “temos que ter claro que a cooperación ten un efecto multiplicador e se ademais se produce no ámbito da cultura ese efecto multiplicador duplícase”. Afirmando que a cultura “ten a capacidade de chegar a toda a sociedade e as administracións debemos comprometernos a defender unha actividade cultural plural e de calidade para unha sociedade que tamén o é e que, polo tanto, tamén demanda esa oferta”.

Pola súa parte, Marcos Vázquez dixo que as artes escénicas engloban 3 aspectos fundamentais que se materializan na MITEU e é “a educación e a formación, a animación sociocultural, e un desenvolvemento comunitario global”.

 

 

Programa da 29ª MITEU

O director da MITEU, Fernando Dacosta, explicou o programa desta edición que inclúe un amplo abano de actividades culturais con gran variedade de xéneros. Nesta ocasión, haberá 23 espectáculos e estará por primeira vez Mozambique na MITEU, xunto a grupos de Colombia, Portugal e importante representación de España (Castela León, Navarra, Madrid, Estremadura e Galicia (A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense). A provincia ourensá estará representada por cinco grupos de Teatro.

A música volverá a ter unha forte presenza na programación coa presentación do novo disco de Budiño -presente na presentación- e coas actuacións de Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín.

Os espectáculos teatrais desta edición correrán a cargo de 14 grupos de teatro universitario e de 9 grupos convidados de teatro profesional. Haberá tamén espazo para danza e para un obradoiro de expresión do clown que será impartido por Carlos Sante.

O premio da 29 MITEU, que se entregará na clausura o 9 de maio, será o Cine Clube Padre Feijoo polo seu “labor fundamental a prol da cultura desta cidade”, sinalou Fernando Dacosta.

Para máis información: www.miteu.es

Artigos relacionados

Back to top button