SanidadeÚltima hora

26 novos profesionais de enfermería, traballo social e servizos sociais incorpóranse á atención primaria ourensá

Deles, once son profesionais de enfermaría, nove de persoal de servizos xerais, catro de técnicos en coidados auxiliares e dúas para a área de traballo social e serán efectivas a partir do vindeiro luns 3 de abril

 

A partir do vindeiro luns 3 de abril á Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras dotarase de once novas prazas de enfermería tanto de estabilización como de nova creación, catro novas prazas técnicos en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE), nove novas prazas para persoal de servizos xerais (PSX) e dúas novas prazas para a área de traballo social.

Desas once prazas de enfermaría, sete estarán adscritas aos diferentes centros de saúde da provincia ourensá, e unha terá como destino un punto de atención continuada, mentres que as tres restantes son prazas de estabilización en Puntos de Atención Continuada (PAC).

“Os novos efectivos supoñen un salto cuantitativo e cualitativo moi importante na atención sanitaria da Área, xa que permiten realizar unha redución das ratios e unha reorganización da distribución de tarefas nos centros asignados, ademais de desenvolver ao máximo a carteira de servizos desta categoría”, tal e como se explica dende a área sanitaria ourensá.

Na desagregación desas once prazas de enfermaría para Atención Primaria, oito delas serán de nova creación, e estarán ocupadas por, tres profesionais de enfermaría especialistas en familiar e comunitaria nos Centros de Saúde de Valle Inclán, Nóvoa Santos e Allariz, outras tres enfermeiras nos Centros de Saúde de O Pereiro de Aguiar, Avión e Viana do Bolo, unha enfermeira especialista en Pediatría no Centro de Saúde de O Couto e finalmente outra para o dar cobertura ao PAC de Ourense.

As outras tres prazas de enfermaría restantes están destinadas á consolidación de vacantes xa existentes nos puntos de atención continuada de Trives, Coles e Allariz.

Tamén créanse catro novas prazas de técnicos en coidados auxiliares de enfermaría que darán cobertura a partir do vindeiro luns ao Centro de Saúde de A Carballeira-Valenzá e, en datas posteriores, tamén se incorporarán paulatinamente aos centros de saúde de O Couto, O Barco e Verín.

Dúas novas prazas para traballo social

Asemade créanse dúas novas prazas para a área de traballo social que darán cobertura ao Servizos de Atención Primaria de A Carballeira e a Valle Inclán – Maceda – Castro Caldelas, mediante unha atención interdisciplinar nas zonas rurais de referencia destes servizos, aportando proximidade e accesibilidade aos coidados sociosanitarios para esa poboación e en especial á máis vulnerable, dispersa e con maiores necesidades de atención física e psicosocial.

Estas dúas profesionais serán o referente neses concellos do seu ámbito de actuación non só na atención social á persoa ou a familia que se atopa cunha situación de enfermidade, senón tamén na relación coa contorna de pertenza, mediando na coordinación sociosanitaria para manter os coidados no medio para a ganancia progresiva de autonomía persoal e social.

Nove prazas para persoal de servizos xerais

Por último tamén asígnanse nove prazas de nova creación de persoal de servizos xerais (PSX) que darán resposta á estratexia establecida polo Servizo Galego de Saúde en Atención Primaria, que introduce novos medios tecnolóxicos, recursos humanos e materiais para fomentar unha atención de calidade, co obxectivo de liberar ao persoal sanitario de todo aquelo que non sexa estritamente asistencial e promovendo a organización do traballo e a satisfacción de profesionais e pacientes.

Estas novas prazas estarán adscritas aos centros de saúde de Valle Inclán, A Cuña, O Pereiro de Aguiar, Allariz, O Carballiño e A Valenzá-Barbadás e as outras tres darán resposta á novidosa central telefónica “intelixente”, ou CRM100, implantada dentro do plan de mellora da atención primaria da provincia e que acadou ata o momento unha excelente valoración.

Estes tres novos profesionais que agora se incorporan á central de chamadas formarán parte do equipo de apoio administrativo rural da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e darán acceso a servizos como cita previa e diversos trámites administrativos, para os que ata agora os usuarios e usuarias de vinte e cinco pequenos centros de saúde rurais debían desprazarse ás cabeceiras de comarca.

Artigos relacionados

Back to top button