EconomíaEconomíaÚltima hora

279.000 euros en axudas para a incorporación de novos agricultores aos réximes de calidade

O prazo para a presentación de solicitudes destas subvencións está aberto ata o 27 de maio e poderán beneficiarse os titulares de explotacións agropecuarias que se incorporasen a un indicativo de calidade, cumprindo a condición de agricultor activo

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se establecen as bases reguladoras das axudas que buscan fomentar a incorporación de agricultores en réximes de calidade, cun orzamento de 279.000 euros.

“Esta liña de achegas, de carácter anual, céntrase en impulsar que os titulares de explotacións agrarias se incorporen aos diferentes réximes de calidade que representan as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas ou a produción ecolóxica. O seu obxectivo é cubrir nos primeiros anos os custes derivados desta incorporación”, tal e como indica a Consellería do Medio Rural.

Poderán ser beneficiarios os titulares de explotacións agropecuarias que se incorporasen a un determinado indicativo de calidade e que cumpran a condición de agricultor activo. No caso da produción ecolóxica, tamén poderán recibir axuda aqueles que xa tiveran actividade e que incorporen agora algunha nova orientación produtiva. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación

Na valoración dos expedientes, vanse primar aquelas solicitudes de agricultores que se incorporen por vez primeira ao réxime da agricultura ecolóxica ou que incorporen por primeira vez novas orientacións produtivas nese réxime de calidade. Tamén terán preferencia aqueles produtores que se incorporen por primeira vez a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas rexistradas nos últimos anos, as persoas mozas incorporadas á actividade, os titulares de explotacións que se sitúen en zonas de montaña e as solicitudes presentadas por mulleres. Para estas axudas, o prazo de presentación de solicitudes remata o día 27 de maio.

A resolución do DOG pode consultarse en

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240327/AnuncioG0528-180324-0001_gl.html.

Artigos relacionados

Back to top button